Poio acolle a homenaxe a Alexandre Bóveda máis concorrida e plural
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os concellos de Poio e Pontevedra homenaxearon a Alexandre Bóveda este luns 17 de agosto no Día da Galicia Mártir, cun acto cívico ante o monumento que o ilustre galeguista ten na Caeira, lugar onde foi fusilado. Alí estiveron presentes membros da Fundación Castelao e a Fundación Alexandre Bóveda.
Foi un dos actos máis concorridos e plurais dos últimos anos cunha destacada presenza de numerosas asociacións e colectivos de recuperación da Memoria Histórica. Tamén participou o Partido Popular representado polos seus concelleiros no Concello de Poio, municipio do que Alexandre Bóveda é Fillo Adoptivo dende o ano 2004.
Por primeira vez a Deputación de Pontevedra estivo representada institucionalmente neste acto. Os deputados provinciais, Xosé Leal (BNG), Chelo Besada (PSdeG) e Juan Antonio González (PSdeG), asistiron ao acto institucional no que se recordou a figura do galeguista e a de todos os mártires galegos, vítimas e represalias da Guerra Civil.
MÁIS ASISTENCIAS
Igualmente asistiron ao acto institucional e a ofrenda floral da Caeira, representantes de Anova e Compromiso por Galicia. Estes últimos solicitarán a institucionalización do 17 de Agosto como Día da Galicia Mártir levando aos concellos onde goberna e cogoberna a proposta para á súa aprobación.
Ademais asistiron o voceiro nacional do BNG, Xabier Vence; a familia de Filgueira Valverde e políticos de esquerda e galleguistas.
DISCURSOS
Durante a homenaxe interveu o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, sinalou que este acto "é un recordatorio de que a prepotencia e o dogmatismo nunca se pode levantar por enriba da dignidade dos galegos e de Galicia". Igualmente, Uxío Breogán Diéguez, presidente da Fundación Bóveda, sinalou que "non é tristura nin bágoas o que marcan este acto, senón que é o orgullo o que nos enche".
Amalia, a filla de Alexandre Bóveda, só tivo palabras de agradecemento para todos os presentes e un emocionado recordo para o seu irmán falecido recentemente. Tivo que relevala no uso da palabra o seu fillo Valentín García Bóveda quen recordou que o de hoxe é o primeiro acto de homenaxe á figura do político galeguista no que gozará da rehabilitación moral recoñecida polo Goberno de España.
MÁIS ACTOS POLA TARDE
Tamén por primeira vez está anunciada a participación dos membros da Coordinadora Xeral de Marea Pontevedra, encabezados polo seu voceiro e vicevoceira, Luís Rei e Carmen Moreira, aínda que nesta ocasión participarán no acto cívico que a Fundación Alexandre Bóveda convoca ás 19:00 horas no cemiterio de San Mauro.
Pola tarde está previstos actos en honor do galeguista que se desenvolverán na praza Curros Enríquez de Pontevedra, organizado polo BNG, e o cemiterio de San Amaro onde se fará unha ofrenda floral.
Relacionadas:
-
A Fundación Bóveda solicita ao Parlamento a creación dunha comisión de estudo sobre a Memoria Democrática de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Jacobo Moreira pide a institucionalización do día 17 de agosto como Día da Galicia Mártir
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O alcalde de Cotobade, primeiro rexedor do PP en reivindicar a institucionalización do Día de Galicia Mártir
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |