Marín reforza o servizo de Policía Local cun novo vehículo
Por Cristina Saiz
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este xoves o concello de Marín, onde fixo entrega á súa alcaldesa dun novo vehículo de Policía Local. Rueda estivo acompañado polo delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Este novo coche policial forma parte dun remanente producido na xestión dunha orde de axudas da Vicepresidencia, cuxo obxectivo era adquirir vehículos e motocicletas a concellos de menos de 50.000 habitantes e corpo de Policía Local propio.
A alcaldesa María Ramallo agradeceu esta iniciativa que mellora os servizos de seguridade e a xestión de emerxencias en Marín.
Agora, este novo vehículo permitirá aumentar os medios técnicos e de mobilidade do corpo de Policía Local e polo tanto prestar un mellor e máis rápido servizo.
Rueda destacou a importancia da colaboración e da cooperación entre administracións, especialmente cando se trata de ofrecer un mellor servizo aos cidadáns en materias tan sensibles como as emerxencias ou a seguridade cidadá.