Seguridade vial e residuos centran a reunión da Deputación e os concellos do Salnés
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e os concellos do Salnés iniciaron este martes unha nova etapa de colaboración conxunta para desenvolver proxectos en materia de mobilidade e residuos.
No encontro estiveron presentes o vicepresidente César Mosquera; os deputados Xosé Leal e Santos Héctor; o asesor de mobilidade, Jesús Fole Osorio; e o asesor de residuos, Carlos Pérez Losada, por parte da Deputación. Pola parte dos concellos o único municipio convocado que non enviou ningún tipo de representación foi o concello de Vilanova de Arousa.
Na xuntanza, o vicepresidente Mosquera sinalou que a provincia de Pontevedra presenta uns dos peores datos de sinistralidade de toda España, "algo que repercute no prezo dos seguros -tamén dos máis caros de España-, e significa un gran número de accidentes e de lesionados e mortos". Por todo iso, apuntou que a administración provincial quere implicarse e minimizar no posible o número de accidentes, entendendo que debe haber un equilibrio entre os tránsitos rodados e os peonís. En referencia á accesibilidade, lembrou que a normativa obriga aos concellos a que tódolos espazos públicos estean adaptados.
Mosquera indicou que os concellos poden seguir diferentes camiños para cumprir os requerimentos nesta materia, elaborando os seus propios Plans de mobilidade urbana sustentable e segura, que ata o de agora contaban con financiamento da Dirección Xeral de Tráfico, ou ben seguindo obxectivos concretos, menos abstractos e máis executables a curto prazo.
Para poder asesorar ós concellos, a Deputación de Pontevedra contratou ao arquitecto Jesús Fole, que se puxo a disposición dos alcaldes e concelleiros presentes e xa concertou algún encontro para falar cos técnicos municipais.
Finalmente, Mosquera anunciou aos membros da xuntanza que, se ben apenas hai fondos no orzamento provincial de este ano, se hai interese por parte dos concellos podería facerse unha modificación de crédito para habilitar recursos e así dotar de financiamento a determinados proxectos neste mesmo exercicio.
ÁREAS DE COMPOST COMUNAIS
A segunda área na que a Deputación aspira a facer un traballo de colaboración é a da recollida e o tratamento de residuos. A normativa europea marca que para o ano 2020 a metade do lixo que xera cada municipio terá que ser reciclado ou reutilizado, o que practicamente obriga a un tratamento específico dos residuos orgánicos para poder acadar os obxetivos.
Mosquera explicou que os concellos poden escoller solucións "acaídas á súa escala" rompendo o exclusivismo de só estar en Sogama, de aplicar unicamente a compostaxe ou sistemas de biogás. "Hai que ver as posibilidades, xa que agora hai tratamentos probados que se poden aplicar" en cada territorio. Logo, engadiu, verase se a xestión sería da Deputación ou dos concellos.
Como primeiro paso, o vicepresidente presentou ao químico Carlos Pérez como o asesor en materia de residuos. Este propuxo a creación de áreas de compost comunais que precisarían do sostenimento dunha empresa, pero evitarían o custe do seu transporte. De exemplo puxo a experiencia que está a levar adiante o concello de Allariz. En calquera caso, apostou por unha colaboración total no asesoramento sobre calquera proposta municipal que se plantexe.
O deputado Xosé Leal, que será a persoa na que delegue César Mosquera os temas do día a día das súas áreas na comarca do Salnés, instou aos alcaldes e concelleiros a fuxir de polémicas e a traballar en conxunto. Apuntou que a reunión de onte se celebrou en Vilagarcía por ser o concello de máis habitantes na comarca e que os vindeiros encontros se poderán facer coa mancomunidade (a elección dos concellos).
Relacionadas:
-
Os composteiros de Larrabetzu poderíanse exportar a hortas urbanas como as de Conde Bugallal ou Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
A Deputación implícase na busca dun novo modelo de xestión do lixo para Marín, Vilaboa e Bueu
Por Redacción |
-
A xestión de residuos volve estar na axenda provincial
Por Redacción |
-
Mosquera anuncia: "rematou radicalmente a política de facer favores co chapapote"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |