Os parques de bombeiros de Bueu, Ribadumia e Vilagarcía terán xestión indirecta en febreiro
Por Redacción
Os parques de bombeiros de Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía estrearán novo modelo de xestión en menos dun mes. A xestión indirecta do servizo adxudicarase o 21 de xaneiro e poderá quedar operativa nos primeiros días de febreiro.
Así se decidiu este mércores na xuntanza do comité de expertos constituido pola Deputación de Pontevedra para contratar a xestión indirecta, mediante concesión administrativa, do Servizo de Intervención en Emerxencias, dependente do Consorcio Provincial de Bombeiros, para prestar o servizo nos catro parques de Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía.
O comité de expertos acordou fixar a data do vindeiro día 21 de xaneiro para a apertura do sobre C que adxudicará o traballo. Os técnicos indicaron que o proceso "foi algo lento debido á vontade de seguir unha escrupulosidade técnica na adxudicación debido ao alto volume do orzamento e tamén á repercusión social do contrato"
O orzamento de licitación ascende a 22 millóns de euros e o prazo de duración inicial do contrato será de 8 anos, prorrogable por períodos máximos de tres anos ata 14 anos.
O ámbito de actuación do Consorcio é a práctica totalidade da provincia de Pontevedra con exclusión daqueles concellos que dispoñan dun parque municipal de bombeiros de seu como Pontevedra, Ponteareas e Vigo, e tamén os concellos integrados no Consorcio Comarcal Deza-Tabeirós-Terra de Montes.
O parque do Morrazo, con sede en Bueu, ten como área de actuación preferente os concellos de Bueu, Cangas e Moaña e incluirá tamén os de Marín, Vilaboa, Soutomaior e Ponte Caldelas.
O Parque de Ribadumia terá como área de actuación preferente será a abranguida polos concellos de Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia e Sanxenxo, pero incluirá tamén os de Portas e Barro. No caso do parque de Vilagarcía a área preferente afecta a A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa e tamén atende en Caldas de Reis, Catoira e Valga.