Gómez Noya abre as festas da Peregrina: "Ir por diante nunha carreira é moi semellante ao que fai Pontevedra no mundo"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Centos de persoas déronse cita no mediodía deste sábado 8 na praza da Pedreira para poder escoitar o pregoeiro das Festas da Peregrina 2015, o triatleta ferrolano afincado en Pontevedra dende 2003, Javier Gómez Noya. O tetracampeón, acompañado no balcón do Pazo de Mugartegui, polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pola presidenta da Deputación, Carmela Silva e pola concelleira de Festas, Carme da Silva, comezou a súa intervención manifestándose como un pontevedrés máis facendo referencia aos seus éxitos deportivos indicando que "estou bastante afeito a subir a podios, a gañar carreiras. Pero este balcón tamén é un gran podio".
E a continuación fixo referencia a que as festas da Peregrina son a máxima expresión da alegría e do orgullo dos veciños. Desta forma, remontouse a cando en 2003, con 20 anos chegou ata a cidade para estudar Ciencias do Deporte e aos dous meses gañaba, contra todo prognóstico, o Campionato do Mundo sub-23. Dende entón, manifestou, gústalle adestrar en Pontevedra porque é a cidade talismán que sempre acompaña o seu esforzo e as súas ganas de superarse. E, nese sentido, agradeceu o apoio dos pontevedreses e as posibilidades que ofrecen os espazos de Pontevedra para adestrar.
O deportista indicou como en 2007 decidiu establecerse na cidade do Lérez de xeito permanente para sentirse pontevedrés "aínda que nunca deixei de ser ferrolano, hoxe síntome pontevedrés, pois aquí están a miña casa e a miña querida familia".
Deseguido, Gómez Noya destacou a relación de Pontevedra co deporte tanto na base como cos olímpicos: "para un deportista é un pracer vivir nunha cidade con tantas bandeiras deportivas". E animou os asistentes ao acto a que goce desta cidade deportiva. Engadiu unha referencia ao pracer que lle produce competir nas rúas do municipio cheas de xente que apoia e anima, só comparable á calor que se vive en Hamburgo, unha das cidades que máis vive o triatlón do mundo. Ademais, destacou que Pontevedra ocupa un lugar de honra nos mapas do triatlón: "todo o mundo relacionado con ese deporte sabe onde está a nosa cidade", afirmou para facer referencia aos premios internacionais obtidos polo Concello nos últimos anos.
"Ir por diante nunha carreira de triatlón é moi semellante ao que fai Pontevedra no mundo, e polo que tamén temos que felicitarnos afervoadamente", concluíu o campión agradecendo a todos os presentos o alento constante, "que levo e levarei moi presente en todas e cada unha das competicións".
"Para un deportista é un pracer vivir nunha cidade con tantas bandeiras deportivas"
A continuación, tras unha longa ovación ao pregoeiro por parte do público, o alcalde animou a gozar as festas e lanzou o chupinazo do inicio dunha semana de múltiples actividades. Miguel Anxo Fernández Lores amosou a súa satisfacción porque, por primeira vez, asistise a máxima figura representativa da Deputación á lectura do pregón e así llo agradeceu á nova presidenta, Carmela Silva.
As festas continuaron coa ofrenda floral que se desenvolveu ás 13.15 horas no santuario da Virxe Peregrina, coa tradicional carroza desprazándose dende a praza de España ata o templo. Ao longo de todo a xornada, os pasacalles coa charanga Apeles percorren distintos puntos do centro animando veciños e visitantes.
Relacionadas:
-
Eu corro, tí camiñas, el pedalea
Por Redacción |
-
Ofrenda floral á Virxe Peregrina sen petición política
Por Cristina Saiz |
-
Antes de que o inverno veña enriba... chega a Semana Grande das Festas da Peregrina
Por Redacción |
-
Javi Gómez Noya, pregoeiro das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |