Quen estará pendente da seguridade nas festas da Peregrina durante a troula?
Por Redacción
Seguridade, limpeza, prevención sanitaria e inspección das atraccións de festa centran a actividade de 197 persoas que durante os próximos días se manterán alerta para que non suceda ningún imprevisto durante as festas da Peregrina.
A Policía Local, segundo sinalou a concelleira de Festas, Carme da Silva, vai aumentar un 115% os seus efectivos habituais. 46 axentes asistirán en quendas de mañá, tarde e noite con quendas de traballo de seguridade xeral e control de tráfico en todos os lugares, especialmente nos concertos e nas tiradas de lumes de artificio. Neste sentido, os bombeiros duplicarán as súas quendas durante estas datas, ao igual que os axentes da Policía Nacional reforzará a presenza do seu equipo ao longo desta Semana Grande das festas.
Durante a tirada de lumes estarán presentes dúas ambulancias, tres vehículos de bombeiros, tres de protección civil e tres embarcacións de protección civil, bombeiros e Garda Civil do Mar para evitar que se produzan incidentes. Carme da Silva recordou a importancia de que os asistentes atendan ás indicacións das forzas de seguridade.
Dentro das actividades de limpeza, un operativo de 49 operarios con dous camións cisterna, tres de recollida, catro varredoras e dúas lavadoras de beirarrúas traballarán na praza da Ferrería, Teucro, Campiño e Alameda.
O operativo conta tamén con 10 persoas que se encargarán da instalación de 2.000 valos metálicos. Pola súa banda, Protección Civil achega corenta voluntarios, en quendas de quince efectivos.
Tres operarios que conforman o servizo xeral de festas coordinar os traballos en colaboración con empresas privadas que se encargan, entre outras funcións, da seguridade do material dos escenarios de concertos.