Oitenta mulleres vítimas de violencia de xénero e 39 menores reciben atención psicolóxica en Pontevedra
Por Redacción
As liñas de atención psicolóxica a mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos que ten en marcha a Xunta de Galicia atenderon durante o primeiro semestre deste ano a 124 persoas en Pontevedra, das que 80 foron mulleres, 39 eran menores e cinco, persoas dependentes.
En toda Galicia, o número de persoas atendidas neste programa ascende, segundo os datos facilitados este venres pola Vicepresidencia da Xunta, 340 persoas. Pontevedra é a segunda provincia con máis beneficiarios, por detrás dos 153 da Coruña e con cifras moi superiores aos 40 de Lugo e os 23 de Ourense.
As estatísticas autonómicas reflicten que en Pontevedra hai 13 casos que foron derivados a centros de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, dos que seis foron mulleres, outros seis menores e unha persoa dependente.
O teléfono de información ás mulleres 900400273, que a Xunta mantén conveniado co teléfono gratuíto a nivel estatal para as vítimas 016, recibiu durante o primeiro semestre do ano 2.274 chamadas, das que 519 chegaron dende Pontevedra. O motivo máis frecuente de consulta foi a atención psicolóxica, que implicou o 46% das peticións de información. O 24% das persoas que chamaron pedían recursos e o 20% asesoría xurídica.
Nos seis primeiros meses do ano non se rexistraron mortes por violencia de xénero en Pontevedra, pero si hai constancia estatística de vítimas. Segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial dos que se fai eco a Xunta, rexistráronse 518 denuncias.
Os xulgados comunicaron medidas de protección para 101 mulleres pontevedresas no que vai de ano, entre as que se encontran medidas preventivas, ordenes de protección e ordes de afastamento. Neste ámbito, a 30 de xuño habia dadas de alta 114 mulleres no servizo telefónico de atención e protección móbil para vítimas de violencia de xénero (Atenpro). Nese período houbo 44 altas novas e 45 baixas.
En relación coa protección das vítimas de violenica de xénero, o sistema de seguimento de agresores por medios telemáticos para dar cumprimento a medidas de afastamento ditadas oficialmente ten activos 13 casos en Pontevedra, tres deles dados de alta como novos durante o primeiro semestre.
Relacionadas:
-
As concentracións de repulsa pola violencia de xénero celebraranse a partir de agora ante a Audiencia
Por Diego Espiño |
-
Ata setembro presentáronse 1.680 denuncias por malos tratos na provincia
Por Redacción |
-
Pontevedra plántalle cara á violencia de xénero
Por Redacción |
-
Calor humana para as vítimas de violencia de xénero fronte á frialdade da Administración
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |