Como se ve Pontevedra dende as cubertas do Principal?
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Poucas vistas de Pontevedra hai inéditas xa en pleno século XXI e coa proliferación de cámaras de video, fotos ou teléfonos que se achegan ata calquera canto ata fai pouco descoñecido. Pero si hai unha perspectiva ata agora non fotografada nin difundida: a cidade do Lérez dende o alto do Teatro Principal. PontevedraViva puido subir ás cubertas do emblemático edificio e mostra nesta galería imaxes descoñecidas e orixinais de lugares tan fotografados como o santuario da Peregrina, a basílica de Santa María, o río Lérez ou a Casa Consistorial.
Estas imaxes nunca antes vistas, similares, pero distintas ás que se poden conseguir dende puntos como o edificio de Las Torres ou dende o alto da Peregrina, permiten aos pontevedreses descubrir detalles da súa cidade nos que nunca se fixaran. A altura non é a maior de Pontevedra, pois o edificio ten dous sotos e cinco pisos, pero si marca a diferenza a súa situación en pleno casco histórico e a súa circunstancia dun dos edificios máis elevados da zona.
As fotografías realizáronse no marco dunha visita oficial dos concelleiros Luis Bará e Anxos Riveiro ao Teatro Principal, na que ambos os dous subiron a unha terraza dal quinto piso do edificio para dar a coñecer que remataran as obras realizadas nas últimas semanas para resolver os problemas de humidades detectados en cuberta e as paredes das fachadas. A situación estaba a causar danos tanto nos muros e paredes interiores do inmoble que agora xa se dan por solucionados.
Rematada a visita, na que se deu a coñecer que tan só quedan pendentes pequenas revocaduras nas paredes interiores da zona das escaleiras, os concelleiros e os técnicos municipais puideron subir ás cubertas do edificio, momento no que PontevedraViva captou estas imaxes inéditas.
Luis Bará deu a coñecer que eses pequenos traballos de pintado interior estarán rematados a próxima semana, de modo que a actuación -valorada en 106.800 euros- xa se poida dar por finalizada. O Concello está satisfeito co resultado final, no que se solucionaron os problemas de filtracións de auga e se recuperou a imaxe histórica da fachada do Teatro Principal, con parte da fachada cuberta con cal. Agora tan só queda falar co Liceo Casino, que ten a súa sede pegada no mesmo edificio, para saber se se suman a ese cambio de imaxe. No caso contrario, "podería quedar así perfectamente", pois son edificios con usos distintos.