O PSOE anima os deputados do PP a romper a disciplina do partido e votar a favor das emendas para Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O deputado socialista no Congreso, Guillermo Meijón, dirixiuse este mércores aos parlamentarios do PP para animalos a romper a disciplina do seu partido e apoiar cos seus votos as emendas a favor de Pontevedra que o PSOE vai presentar aos Presupostos Xerais do Estado (PGE).
Meijón confesou ter sentido "estupor" ao ver os seus compañeiros congresistas do PP en rolda de prensa mostrando "unha alegría desmesurada" e mesmo "chuleándose" do crecemento dos investimentos que propón o Ministerio de Fomento na provincia".
"O único que sobe realmente é a hipocrisía de Rajoy", afirmou o deputado socialista.
Nunha rolda de prensa convocada este xoves en Pontevedra, Guillermo Meijón, mostrou varias gráficas nas que se reflectía como os investimentos en Galicia e na provincia de Pontevedra son descendentes "todo é costa abaixo", remarcou.
Igualmente ofreceu unha comparativa dos investimentos dos cinco presupostos da lexislatura do Partido Popular que suman 359 millóns de euros, fronte á cantidade investida nos catro anos do último mandato do presidente socialista José Luis Rodríguez Zapatero, que alcanzaron os 563 millóns na provincia de Pontevedra.
O deputado do PSdeG asegura que estes Presupostos Xerais do Estado son "unha fraude electoral" e que inclúen cifras "falsas e maquilladas" e analizou con máis detalle a reforma fiscal sinalando que en Galicia tan só un 2,1% da poboación ten un soldo de 60.000 euros brutos, polo que a redución do IRPF dá lugar a un aforro de 823 euros ao ano. Mentres que o 44,3% da poboación galega ten un soldo bruto de 12.500 euros e no seu caso a redución é de 4,3 euros.
"Rajoy regala aos máis ricos unha viaxe ao Caribe e aos demais: tres cafés, e cuidadito onde os tomas ", afirmou Meijón.
O concelleiro pontevedrés, Iván Puentes, completou esta rolda de prensa asegurando que as partidas dos PGE para a cidade de Pontevedra son "absolutamente ridículas e insultantes" e que bota de menos políticas activas de emprego "tendo en conta que aquí o PP acusa de boquilla ao goberno local de non facer nada para crear postos de traballo, pero cando lles toca a eles non o fan".
Relacionadas:
-
O PSOE presenta emendas de 140 millóns de euros aos Orzamentos e reclama a Rajoy que execute as partidas
Por Redacción |
-
O PP destaca o investimento de Fomento en Pontevedra que para o concello resulta "cicatero"
Por Oskar Viéitez |
-
Os presupostos de Rajoy para Pontevedra apóstano todo para a A-57
Por Oskar Viéitez |