A Regaduxa denuncia que Portos de Galicia impide unha homenaxe ás vítimas do franquismo en Vilaboa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O colectivo pola memoria histórica de Vilaboa, A Regaduxa, iniciou este martes unha campaña de denuncia pública para dar a coñecer a postura de Portos de Galicia en relación coa súa intención de colocar no porto de Santa Cristina de Cobres unha inscrición en honor ás vítimas do franquismo no municipio. O ente público autonómico denegoulles o permiso para o seu proxecto nunha decisión que A Regaduxa considera que responde a "cuestións ideolóxicas".
O proxecto para instalar unhas letras en aceiro nos laterais do dique do porto de Santa Cristina coa mensaxe "Memoria das vitimas do terror franquista en Vilaboa" empezou no ano 2011. Dende entón, a presidenta da Regaduxa, Tareixa Castro, asegura que a actitude de Portos de Galicia adoptou a estratexia da "demora" e a "desidia" inxustificadas que tivo como resposta final un fax recibido a mediados de xullo no que lle denegan o permiso para executar o proxecto.
Segundo explicou Tareixa Castro, nos últimos meses celebráronse unha serie de reunións entre responsables do Concello de Vilaboa, do colectivo pola memoria histórica e dos servizos xurídicos e de relacións institucionais de Portos e, en principio, chegaran a un entendemento.
Neses encontros, trasladáranlles que o proxecto levaba consigo problemas de seguridade polo perigo de que os viandantes se asomen para ver as letras e caian ao mar, pero se barallou como posibles solucións instalar unha varanda e un sinal de advertencia de perigo, de modo que "aparentemetne esas cuestións quedaron resoltas". Non obstante, tras a última reunión, chegoulles a negativa a obter o permiso aducindo cuestións técnicas e de perigosidade.
Dende A Regaduxa indican que nas reunións previas un asesor de Portos lles trasladou a súa desconformidade con que a inscrición incluíse a palabra "terror" alegando que non resume que aconteceu durante o franquismo. Na comunicación oficial non se fai referencia a esa expresión, pero o colectivo está convencido de que todo se debe a cuestións ideolóxicas, de aí que decidisen iniciar esa campaña.
Este martes varios integrantes da Regaduxa entraron un escrito de queixa na sede de Portos de Galicia en Pontevedra e teñen previsto organizar actos de denuncia pública da actitude do organismo autonómico e convocar os colectivos pola recuperación da memoria histórica de toda Galicia para denunciar a situación.
Relacionadas:
-
As asociacións de memoria histórica renovarán o seu compromiso esta fin de semana en Vilaboa
Por Redacción |
-
Inician unha campaña para que Defensa recoñeza o cuartel de Figueirido como lugar da memoria da represión franquista
Por Natalia Puga |
-
Vilaboa rende homenaxe ás vítimas da represión franquista o 16 de marzo
Por Redacción |
-
Nace o colectivo "A Regaduxa" para estudar a represión franquista en Vilaboa
Por Redacción |