A un paso da construción da ponte de Portela
Por Redacción
O Concello de Ribadumia xa recibiu o proxecto de construción da ponte de Portela sobre o río Armenteira. O actual paso entre Barrantes e Sisán leva pechado tres meses debido ao seu mal estado e, dende entón, levouse a cabo un estudo xeotérmico do que se extrae un resultado que estableceu a necesidade de construír unha ponte nova en lugar de reparar a existente. Tras a redacción do proxecto de construción e a busca de financiamento, o Concello de Ribadumia agarda que os diferentes organismos da Xunta como son Costas, Augas de Galicia e o Servizo de Conservación da Natureza autorice a actuación.
A nova proposta situará os estribos fora do leito do río co obxectivo de garantir a estabilidade. Proxectarase unha sección de máis de 10 metros con barreiras, beiravías, carrís de dobre sentido e senda peonil. O orzamento achégase aos 240 mil euros.
Como alternativa para a circulación do tráfico, dende o goberno local recoméndase o lugar de Muíños Novos malia que "supón dar un pequeno rodeo" pero permite garantir a seguridade de peóns e condutores.