Denuncian que a "actividade frenética" de Louzán no seu último mes como presidente deixou a Deputación "sen recursos"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSdeG), asegurou que a "actividade frenética" de Rafael Louzán no seu último mes como presidente deixou a institución "sen recursos".
Carmela Silva informou este martes da situación das contas da administración provincial. Así respecto ao Plan Provincial de Obras e Servizos que dispoñía de seis millóns de euros de libre disposición, "a día de hoxe hai 245 euros" e en canto aos 1,5 millóns en concepto de libre concorrencia o anterior goberno xa se adxudicaron todos "polo tanto estariamos en cero".
En canto ao Plan de Acción Municipal, dedicado a actividades culturais, deportivas e sociais, estaba dotado cunha partida de 800.000 euros en concorrencia e 200.000 en libre disposición, "a día de hoxe a concesión de libre disposición está en 45,12 euros e a de concorrencia en 18.833, que xa están adxudicados".
No que se refire ao Plan de Acción Comunitaria, dotado cun millón de euros para asociacións e entidades sen ánimo de lucro, "contan con 65,18 euros".
Carmela Silva: "Consumíronse total e absolutamente, a xullo de 2015, todas as partidas"
"Polo tanto, consumíronse total e absolutamente, a xullo de 2015, todas as partidas", afirmou Carmela Silva.
No último mes antes do cambio de goberno houbo unha "actividade frenética para repartir estes fondos", sinalou a presidenta sen querer cualificar esta actitude por parte de Rafael Louzán.
"Imos traballar aínda que o anterior goberno non tivo a ben, permitir que houbese recursos para que no semestre que queda o novo goberno puidese tomar decisións e poñer en marcha as novas políticas", lamentou a presidenta.
A socialista Carmela Silva advertiu que este contratempo "non vai poñer freo a este goberno, todo o contrario nos dá máis impulso".
ACTITUDE POUCO ELEGANTE
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera (BNG) sinalou que a actitude de Louzán "para min non foi ningunha sorpresa" xa que o denunciou no Pleno e criticou que isto "demostra unha actitude pouco limpa, pouco elegante do anterior goberno".
Mosquera indicou que agora se poderán traballar no novo presuposto con calma e engadiu que esta situación "transcendencia para o futuro ten pouca".
Relacionadas:
-
A Deputación de Pontevedra constitúe a súa nova Xunta de goberno
Por Redacción |
-
Sen sorpresas. Carmela Silva presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Louzán, sobre o acordo BNG-PSOE: "Haberá unha parte do Goberno que di unha cousa e outra que di xustamente a contraria"
Por Natalia Puga |