Guillerme Vázquez esixe unha solución política para os afectados das preferentes
Por Redacción
Os afectados polas participacións preferentes que levan encerrados desde hai case unha semana no Concello de Sanxenxo seguen recibindo apoios políticos. Esta vez foi o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen acompañado pola deputada nacionalista, Montse Prado, e polos portavoces municipais da comarca de O Salnés, reuniuse con eles.
Guillerme Vázquez trasladoulles que "dende o primeiro momento que apareceu o escándalo da estafa das preferentes, o BNG estivo do lado dos estafados esixindo unha solución politica que ten que pasar inevitabelmente pola devolución de todos os cartos aos seus lexítimos propietarios, que son as persoas estafadas pola banca".
Neste sentido, sinalou que "desa decisión política ten que facerse cargo o actual goberno". Por iso é polo que o portavoz nacional do BNG reitere o apoio ás vítimas da estafa das preferentes, "unhas persoas que están sendo roubadas pola banca coa connivencia dos gobernos do PP".
Vázquez enmarcou esta situación "nun marco de liquidación do sistema financeiro galego, que se está saldando coa perda de milleiros de empregos, co roubo dos cartos dos estafados polas preferentes e subordinadas, coa perda de servizos bancarios, coa expatriación do aforro galego, e aínda por riba sen ningunha responsiblidade, nin política ni penal, por esta situación".
Por iso, Guillerme defendeu que "os estafados polas preferentes teñen razón e a única solución é política, e non é outra que se lle devolvan todos os cartos a esta xente".
A este respecto, denunciou que "non pode ser que haxa miles de millóns de euros para rescatar á banca, nun caixón sen fondo, e para esta xente nada de nada, nunha sociedade democrática non pode ser que se estafe á xente e nada pase".