Retiran o beirado acristalado da tenda de chuches da Peregrina por risco de caída
Por Redacción
Efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra tiveron que intervir o mediodía deste martes na praza da Peregrina para retirar o beirado acristalado situado no edificio no que está situada unha tenda de chucherías.
O beirado rodea o edificio pola Peregrina e Porta de Travancas e estaba en mal estado, de modo que supoñía un risco de caída.
Os bombeiros retiraron os cristais que estaban inseguros e aseguraron o beirado mentres unha patrulla da Policía Local de Pontevedra supervisaba os traballos e que cumprise as condicións de seguridade.
A situación deste beirado acristalado foi denunciada minutos antes polo concelleiro de Mobilidade do Concello de Pontevedra, Luís Bará, durante unha visita ás obras que se están realizando en Porta de Travancas.