Fiscalía pide cadea e inhabilitación para o ex director de Príncipe Felipe por vexar un neno
Por Redacción
O ex director do CEIP Príncipe Felipe F.J.G.P. enfróntase á petición dun ano de prisión e tres de inhabilitación polas supostas vexacións ás que someteu un alumno do centro de nove anos como medida correccional ante o mal comportamento deste.
Dous xornais publican a cualificación dos feitos por parte da Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra, que acusa o ex director dun delito contra a integridade moral. A familia do menor considera que as actuacións do directivo do centro son constitutivas dun delito de torturas.
O menor, que agora ten 10 anos, e o acusado seguen estudando e impartindo clases na actualidade no CEIP Príncipe Felipe, pero, segundo o relato dos feitos que realizou o fiscal, as supostas vexacións cometéronse dende febreiro de 2011, cando o menor foi trasladado ao colexio, e xa non se estarían a repetir a día de ho.
"Dende o primeiro momento o menor presentou un comportamento disfuncional nas clases, o que alteraba gravemente a marcha destas", recoñece o fiscal e pasa a relatar que nun primeiro momento se adoptaron medidas correccionais doutra índole, pero posteriormente o xa ex director "asumiu directamente as medidas correccionais respecto do menor".
Outros profesores coñecían os feitos e non actuaron "por entender que a actitude do menor xustificaba os métodos"
Segundo sostén o escrito de acusación dado a coñecer este luns, estas medidas consistiron fundamentalmente "en encerrar o menor nun despacho da zona do profesorado" e nunha ocasión "chegou a atalo cunhas bridas, permanecendo nesta situación durante unhas horas ata que foi desatado por unha profesora".
Noutra ocasión, "o acusado tivo nu ao menor de cintura para abaixo ata que unha profesora se interesou pola súa situación, solicitando ao acusado a entrega da roupa para vestir o menor, ao que este se negou, sendo finalmente convencido por outro profesor para que se lle entregase,".
A acusación da Fiscalía engade que os métodos utilizados polo agora procesado os coñecían máis profesores do centro, situado nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe, pero dependente da Xunta de Galicia. Estes docentes non denunciaron os feitos, segundo o fiscal, "por entender que a actitude do menor xustificaba os métodos". O fiscal cualifica os métodos de "absolutamente inadecuados".