CIG-Saúde pide o "rescate" do servizo de electromedicina
Por Oskar Viéitez
CIG-Saúde, denuncia que o actual servizo de electromedicina está a provocar "graves prexuízos nos pacientes" e nos propios traballadores dos Hospitais de Pontevedra e O Salnés. Para CIG, diante deste escenario, non queda outra solución que "rescatar o servizo".
Dous anos despois da privatización do servizo de electromedicina, na Estructura de Xestión Integrada de Pontevedra-Salnés, e da denuncia de CIG-Saúde alertando das "graves consecuencias para a calidade asistencial", este sindicato asegura que "a situación actual é moi preocupante polo deterioro no que se atopa grande parte do equipamento electromédico, afectando directamente as prestacións sanitarias".
Segundo a CIG, os "incumprimentos" de Iberman, S.A., adxudicataria deste contrato son "constantes", e o que considerán é "máis grave", o Sergas "non fai nada para solucionar esta situación".
Por iso dende a central nacionalista apuntan que "todo nos leva a pensar que esta empresa está a recibir trato de favor polos actuais responsables da administración sanitaria".
Entre outras cuestións afirman que esta adxudicataria non cumpre cos mantementos correctivos, preventivos e técnico legais, que non se empregan repostos orixinais, non se informa a administración en tempo real da situación dos equipos, non teñen todo o persoal que ofertaron, non hai presenza física do persoal as 24 horas de acordo co contrato, "e poderiamos seguir", engaden.
O servizo de radioloxía está tendo "constantemente problemas como consecuencia da falta de resposta ás avarías no sistema de revelado de placas e salas de raios x". Isto implica repetición de probas, cancelación de citas e máis traballo para os profesionais.
"Tamén existen problemas en quirófanos, tendo que cancelar algunha intervención, en laboratorios, en endoscopias, en esterilización e podíamos seguir numerando equipos e servizos que se están vendo afectados por esta situación", di CIG-Saúde.
Este sindicato exixe, unha vez máis, que se rescate o servizo de electromédicina e que sexa o propio hospital quen asuma o mantemento electromédico, como se viña facendo, "e cun resultado excelente, anteriormente a esta privatización".