O BNG distribúe as súas áreas de goberno na Deputación
Por Oskar Viéitez
Pouco a pouco vai comezando a rodar o novo goberno da Deputación de Pontevedra.
No grupo do BNG fixéronse públicas este martes a distribución de competencias, sendo para o vicepresidente César Mosquera a área do Medio Ambiente e de Desenvolvemento Sustentable. Inclúe a educación e conservación ambiental, os recursos naturais e patrimonio natural, o desenvolvemento sostible, o desenvolvemento agropecuario e recursos forestais, a protección, conservación e fomento dos recursos mariños e cinexéticos, a xestión de hábitat, a ordenación territorial: planificación e xestión do solo, e a Estación do Areeiro.
Ademáis Mosquera levará a xestión e tratamento dos Residuos Sólidos Urbanos, xunto coas prestacións ambientais de competencia municipal.
Finalmente será o responsable do Polígono de Barro-Meis e levará as xestións para o traspaso da Escola de Enfermaría a Universidade de Vigo.
O deputado, Uxío Benítez será o viceportavoz do BNG, despois de Mosquera que tamén é coordenador das áreas que levan os nacionalistas.
Uxío Benítez será responsable da área de Infraestruturas, que inclúe os viais provinciais, o fomento da colaboración con Uniminho ou organismo que puidera substituilo. E competencias en mobilidade e accesibilidade.
A deputada Eva Villaverde, levará a área de Benestar que inclúe o Príncipe Felipe. A maiores se ocupará da Finca Mouriscade.
E finalmente o deputado do BNG, Xosé Leal Fariña, será o responsable da área de Cultura coa coordinación do Patrimonio documental e bibliográfico, o Arquivo, o Museo Provincial e Normalización Lingüística.