Amplo despregamento de medios de emerxencia por un home empolicado a unha estada
Por Redacción
Axentes das policías Local e Nacional, Bombeiros e servizos sanitarios realizaron este sábado un amplo despregamento de medios na confluencia entre as rúas Peregrina, Daniel de la Sota, García Camba e Andrés Muruais de Pontevedra para atender a un home que se empolicara a unha estada nun oitavo piso dun edificio. O incidente saldouse sen consecuencias persoas, pero xerando unha grande expectación cidadá.
Todo aconteceu a partir das 13.15 horas da tarde deste sábado, cando os servizos de emerxencias tiveron coñecemento de que un home de 32 anos se empolicara á citada estada, situada na fachada dun edificio da rúa Peregrina. Inmediatamente despregáronse todos os efectivos de garda na cidade nese momento.
O incidente prolongouse durante ao redor dunha hora, na que varias decenas de efectivos se desprazaron ata a zona e policías, bombeiros e santiarios mediaron co home en cuestión. Finalmente, e tras sufrir un pequeno esvaecemento, o mozo entrou por unha ventá ao edificio da rúa Peregrina e o operativo de emerxencia deuse por finalizado.
Os feitos aconteceron nunha das zonas máis céntricas de Pontevedra e a unha hora de máxima afluencia de cidadáns, de modo que xerou unha grande expectación. Decenas de pontevedreses amontoáronse arredor do cordón policial instalado nas catro rúas afectadas para evitar o paso de peóns e un bo número de persoas retratou o momento co seu teléfono móbil.