As obras volven á praza da Ferrería logo do parón de Nadal
Por Redacción
Superadas as vacacións de Nadal e o atafego que rodea á praza da Ferrería nestas datas, o Concello de Pontevedra retomou este luns as obras para a mellora da accesibilidade no ámbito deste céntrico punto da cidade. Este luns coincidiron co inicio doutras obras na mesma praza para reparar os danos dos últimos temporais.
As obras vinculadas á reparación dos efectos dos temporais que azoutaron Pontevedra no mes de decembro intégranse nunha bateria de actuacións de emerxencia en 20 rúas da cidade para mellorar espazos patonales que se viron seriamente danadas.
Este luns comezaron na Porta de Travancas cun prazo de execución de tres semanas e a Xunta de Goberno Local adxudicou o conxunto de actuacións por 122.500 euros á empresa Eiriña.
No caso das obras para mellorar a accesibilidade, os operarios empezaron a traballar a primeira hora da mañá no Paseo de Odriozola, onde, segundo avanzou hai uns días o concelleiro de Mobilidade, Luis Bará, "faranse excavacións bastante grandes" para a instalación dun transformador de Fenosa.
As obras para a mellora da accesibilidade na Ferrería comezaron en novembro coa mellora do firme e a eliminación de barreiras arquitectónicas na conexión coa rúa San Román.
A actuación consistiu, a nivel superficial, na eliminación das barreiras arquitectónicas deixando todo este espazo ao mesmo nivel, aínda que "por debaixo" hai toda unha serie de servizos novos como saneamento, auga, gas, cable e outros avances importantes.
No mes de decembro, Bará anunciou que para o futuro quedará a reforma do pavimento da Ferrería, que dende a súa reforma no ano 1986 sufriu moitos danos polo paso de maquinaria pesada. Non obstante, o momento económico non é o máis oportuno para acometer este investimento.