Cumio en Santiago para desbloquear a ampliación do polígono do Vao
Por Redacción
As dependencias administrativas da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela acolleron este mércores un encontro no que se pretendía desbloquear o proxecto de ampliación do polígono do Vao. Pero á vista das interpretacións que fan dende o goberno autonómico e o Concello de Pontevedra, parece que o acordo aínda está lonxe de materializarse a pesar da disposición mostrada por ambas as dúas partes.
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, presidiu este encontro ao que acudiron técnicos municipais e os promotores deste proxecto, situado na parroquia de Campañó. Nel, abordáronse as cuestións que deben ser introducidas no documento para que a Xunta poida proceder á súa aprobación definitiva.
"Non serviu para moito", explicou a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva. Asegurou que a Xunta se limitou a verbalizar o informe remitido recentemente no que se indicaban unha serie de correccións. E neste sentido, lamentou que haxa "disparidades de criterio" entre os técnicos do Concello e da Xunta.
Ante esta situación, a concelleira do BNG explicou que o normal sería que o informe dos técnicos autonómicos viñese acompañado dunha proposta de corrección, tendo en conta que as competencias en ordenación do territorio son da Xunta, "para que os cambios se fagan como eles entenden que se debe de facer". En todo caso, avanzou que se remitirá un novo proxecto e que acudirán a todas as reunións "que sexan necesarias".
Segundo a Xunta, o documento debe computar o 10% correspondente a zonas verdes dentro do ámbito, xa que as dotacións de solo urbanizable non poden situarse en solo rústico.
Neste senso, tamén se avanzou na proposta de aplicación dun tratamento vexetal da fachada do ámbito cara á autopista, tendo en conta a alta fraxilidade desta orientación do sector polo elevado volume diario de vehículos. Os técnicos do desenvolvemento propuxeron, tendo en conta a complicada orografía da fachada, que nalgúns puntos se eleva ata os 8 metros, crear unha pantalla vexetal que conecte coa propia zona verde.
Co fin de avanzar cara a aprobación definitiva do proxecto, a secretaria xeral emprazou aos técnicos do ámbito urbanizable a remitir o documento á Xunta antes de finais de mes co fin comprobar que se fixeron os axustes necesarios e proceder a aprobación definitiva.
Relacionadas:
-
O polígono do Vao, ao xulgado: unha empresa recorre a modificación urbanística que o ampara
Por Alejandro Espiño |
-
Visto e prace de Costas ao polígono do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta desbloquea o desenvolvemento do Polígono do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
O polígono comercial do Vao, pendente dun último informe da Xunta
Por Alejandro Espiño |
-
Tratan de desbloquear o saneamento dos Gafos e a ampliación do polígono do Vao
Por Redacción |
-
A Xunta convoca o Concello de Pontevedra para desbloquear o desenvolvemento do polígono do Vao
Por Redacción |