150.000 euros para mellorar o aspecto e as condicións de vida da Comandancia
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Dende a súa inauguración no ano 2006 a Comandancia da Garda Civil sufriu a deterioración habitual e fixéronse necesarias actuacións para mellorar as instalacións e as condicións de vida dos gardas que traballan nas dependencias e as familias que residen na zona de pavillóns de vivendas. Para executalas, a Deputación Provincial de Pontevedra aprobou un proxecto en función do cal se realizarán obras por valor de 150.000 euros.
O director da obra será o arquitecto pontevedrés Alfredo Díaz Grande, que explicou que o proxecto se divide en tres actuacións fundamentais. A máis importante será a renovación e reparación da fachada da zona de pavillóns, que implicará a retirada de mofos e sucidades e pintar as paredes con pinturas que libren a fachada de elementos indesexados.
Ademais, instalaranse 28 ou 30 marquesiñas para tapar a zona interior de aparcadoiros e renovarase o parque infantil da Comandancia, que no seu día se construíu en area e se viu moi deteriorado. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presentou o proxecto este mércores durante unha visita ás instalacións da Garda Civil na avenida Domingo Fontán e valorou que todos as actuacións mellorarán as condicións de vida dos gardas civís.
Tamén o coronel da Comandancia de Pontevedra, Miguel Estévez Lara, insistiu en que estas obras "dan mayor calidad de vida a los guardias". Se é o caso, recordou que os presupostos para mellorar e arranxar os acuartelamentos "siempre son limitados" e hai moitas instalacións da Garda Civil que están "en mal estado", de modo que agradece este convenio entre a Deputación Provincial e a Dirección Xeral da Garda Civil.
O acordo, que se asinou no mes de xuño e foi aprobado polo Pleno da Corporación, tamén inclúe a instalación na Comandancia dun cruceiro elaborado polos alumnos da Escola de Canteiros de Poio. Segundo avanzou Louzán, a peza está a punto de rematar e instalarase en breve.
Louzán situou esta obra como complementaria ás actuacións que acometerá o Minsterio de Fomento no ámbito da Comandancia dentro do proxecto para reformar o Nó de Bombeiros. A actuación inclúe unha senda para mellorar a circulación de peóns pola zona e o acceso a pé ás instalacións da Garda Civil.
Relacionadas:
-
A Garda Civil celebra a súa patroa confirmando que a provincia é segura
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Seis millóns de euros para a reforma do nó de Bombeiros e os accesos á AP-9
Por Alejandro Espiño |
-
Fomento desbloquea a reforma do Nó de Bombeiros e presenta ao Concello un proxecto inicial
Por Alejandro Espiño |