A futura residencia en Almacenes Rodiño xa conta con todos os permisos para comezar as obras
Por Alejandro Espiño
Os promotores da residencia e o centro de día que ocupará o inmoble que, ata hai pouco tempo, ocupaba Almacenes Rodiño poden xa comezar as obras para a reconversión do edificio. A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, avanzou este martes que o proxecto xa conta con todos os permisos necesarios, incluída a autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia e o visto e prace do Concello.
"É unha nova moi importante", destacou Carme da Silva, que recordou que se trata dun edificio emblemático do centro histórico e que grazas a este proxecto terá un novo uso.
É a empresa lerezana Sacendi SL a que prevé rehabilitar este edificio histórico dos séculos XVIII e XIX de 2.310 metros cadrados e convertelo nunha residencia que contaría cun mínimo de 13 prazas e un máximo de 59. A instalación contaría ademais con servizos de comedor, área de atención especializada, despacho médico ou zona de usos múltiples, xunto co citado centro de día, que terá entrada pola rúa Don Gonzalo.
O inmoble terá ademais outra porta cara á rúa San Sebastián, substituíndo un ventanal existente na actualidade, para facilitar a accesibilidade e sirva como saída de emerxencias do inmoble.
O investimento necesario para afrontar esta iniciativa supera os 900.000 euros.
OUTROS ASUNTOS URBANÍSTICOS
Ademais, a Comisión de Urbanismo ratificou as alegacións que presentará o Concello ao informe emitido polo Ministerio de Medio Ambiente sobre a caducidade da concesión a ENCE en Lourizán, ditaminou favorablemente sobre a aprobación provisional do plan especial que permitirá legalizar o aparcadoiro de Veteris e informou sobre a reunión que manterán técnicos municipais e da Xunta para desbloquear a ampliación do polígono do Vao.
Relacionadas:
-
A residencia e centro de día no antigo edificio de Almacenes Rodiño, máis preto
Por Alejandro Espiño |
-
Unha residencia para a terceira idade e centro de día no edificio de Almacéns Rodiño
Por Diego Espiño |
-
Unha residencia de luxo e un hotel, entre os posibles novos usos do edificio de Almacenes Rodiño
Por Alejandro Espiño |