O PP pide que se contrate a unha empresa externa un estudo para renovar o rueiro de Pontevedra
Por Redacción
O grupo municipal do PP de Pontevedra quere que a renovación do rueiro de Pontevedra sexa obxecto dun estudo previo que debería saír a concurso público para contratárselle a unha empresa externa ao Concello. Esta actuación xa se fixo no ano 1990 e os 'populares' entenden que debería repetirse.
Esta proposta parte da base de que a denominación das rúas "debería ser froito dun pacto, como sempre se fixo ata o ano 1999 coa chegada do BNG á Alcaldía", acordo que "evitaría a imposición e criterio do concelleiro ou concelleiros de turno".
O concelleiro César Abal indicou este martes, a través dun comunicado, que o PP presentará unha moción na Comisión de Benestar Social, Cultura e Dinamización Sociocultural deste xoves 16 de xullo para pedir que o Concello inicie os trámites para licitar e adxudicar en concurso público un novo estudo histórico – xeográfico co que levar a cabo a renovación do rueiro municipal.
O anterior concurso público destas características realizouse en xuño de 1990, cando era alcalde José Rivas Fontán. Seis anos despois, con Juan Luis Pedrosa como alcalde, acometeuse unha revisión da nomenclatura das rúas baseada neste estudo e, segundo recorda César Abal, foi entón cando se galeguizaron todas as rúas e se recuperaron as denominacións tradicionais no casco histórico.
Mentres non se realice o citado estudo, os 'populares' consideran que non se deberían asignar novos nomes ás rúas. Só admiten unha excepción para situacións urxentes e, mesmo neses casos, cren que o nome debería fixarse logo dun acordo unánime de todos os grupos políticos con representación municipal.
A raíz da proposta do Goberno local de chamar 'Josefina Arruti' a nova rúa que xurdiu do desdobramento da avenida de Vigo, César Abal lembra que o seu partido xa advertiu no ano 2012 de que había un déficit de nomes de mulleres no rueiro da cidade e que na actualidade cren "necesario e oportuno" arranxar esa situación, pero "sempre baixo o criterio de profesionais na materia, co respaldo dun estudo serio e rigoroso".