Comeza un período de saldos que deixará 5,54 millóns en Pontevedra e 2,5 en Arousa
Por Redacción
Este luns 7 de xaneiro comeza oficialmente o período de rebaixas de inverno que estará aberto ata o próximo 7 de marzo. Durante os dous próximos meses, prevese que os comercios de Pontevedra recaden 5,54 millóns de euros e os de Arousa, 2,5 millóns.
Segundo as previsións realizadas pola Federación Provincial de Comercio, a media de gasto por cliente situásese en Pontevedra en 67,80 euros. A Federación de Usuarios e Consumidores eleva este gasto medio a 75 euros por persoa mentres que a Federación Galega de Comercio o sitúa nun abano máis grande, de entre 60 e 70 euros.
A tempada de rebaixas que empeza este luns é a primeira dende a entrada en vigor da nova lei de liberalización de horarios e períodos de rebaixas, que permitiu que moitos comercios pontevedreses xa comezasen os períodos de saldos antes de Nadal nalgúns casos e o día 2 de xaneiro noutros.
Este adianto das rebaixas e a crise económica levan á Federación Provincial de Comercio que preside Antonio Reguera a calcular un descenso do 9,3% na recadación media dos negocios pontevedreses con respecto ás rebaixas de inverno de 2012.
Segundo adiantan algúns dos carteis que inundan os escaparates da zona comercial da cidade, as rebaixas xa arrancan con descontos de, polo menos, o 40%, porcentaxe que ascendería ao 60 ou mesmo 70% en moitos deles.