Propoñen o nome de Josefina Arruti para o desdobramento da avenida de Vigo
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Os concelleiros do BNG, Carmen Fouces e Luis Bará, presentaron a moción que levarán á comisión de Cultura para empregar o nome de Josefina Arruti Viaño para denominar o novo vial de desdobramento da avenida de Vigo.
Josefina Arruti foi a compañeira do alcalde de Pontevedra Bibiano Fernández Osorio Tafall, encarcerada e sometida a arresto domiciliario durante tres anos, símbolo da solidariedade ao abrir o panteón familiar para que se enterrasen nel numerosos represaliados durante a Guerra Civil e os anos da ditadura franquista.
Os concelleiros nacionalistas esperan que os distintos grupos representados na comisión apoien esta iniciativa porque entenden que esta muller é "merecedora desta homenaxe". O Partido Popular no seu momento propuxera para este vial a denominación do que fora presidente do goberno español na transición democrática, Adolfo Suárez.
Ao mesmo tempo, propoñen o emprego de trinta nomes de mulleres pontevedresas para a denominación de vías urbanas, parques, xardíns e edificios públicos. Entre estes nomes destacan, entre numerosas artistas e creadoras, os de Elisa Patiño, a primeira muller aviadora; Dolores Calviño, a popular señora Lola tan ligada á historia do Pontevedra C.F.; Dolores Trabado, decana das taxistas; María Luísa Olañeta, a coñecida como María, a do Carrillo; Cándida Otero, a primeira galega que exerceu profesionalmente a fotografía; a pianista Martha Lehman, pianista e compañeira de Manuel Quiroga; a actriz Josefina Blanco Tejerina, compañeira do dramaturgo Ramón María del Valle Inclán ou María Victoria Moreno, profesora e escritora.
Bará indicou que estas mulleres, todas elas con relevancia entre o século XV ao XX, tamén poden resultar recoñecidas publicamente mediante rótulos ou placas en lugares que estivesen relacionados coa súa traxectoria persoal.
O BNG tamén propón a organización dun acto de recoñecemento institucional do concello ás mulleres que foron vítimas de todas as formas de represión como consecuencia do levantamento militar en 1936, ademais dunha ruta urbana que axude a poñer de relevancia o papel das mulleres na cidade.
Relacionadas:
-
Unha avenida para "unha muller valente, unha nai coraxe"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Confirman que Josefina Arruti dará nome ao desdobramento da avenida de Vigo
Por Redacción |
-
O PP pide que se contrate a unha empresa externa un estudo para renovar o rueiro de Pontevedra
Por Redacción |
-
Ábrese o desdobramento da Avenida de Vigo ao tráfico sen incidencias
Por Redacción |
-
O PP insiste en chamar Adolfo Suárez ao desdobramento da avenida de Vigo e buscará consenso
Por Redacción |