Jacobo Moreira ocupará un "escaño" na Deputación en 2017
Por Redacción
A dirección provincial do Partido Popular de Pontevedra elixe a Ángel Moldes, presidente e voceiro do PP de Poio, Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña, e José Enrique Sotelo, presidente e voceiro do PP de Cangas, para ocupar as tres actas de deputados que lle corresponden ao Partido Popular polo partido xudicial de Pontevedra.
Así o acaban de decidir este xoves os representantes dos 21 concellos que forman este partido xudicial nunha reunión celebrada na sede provincial, xunto co seu presidente, Rafael Louzán.
Os tres deputados elixidos ocuparán os seus escaños na cámara provincial durante os dous primeiros anos do mandato, transcorrido este tempo, está previsto que Ángel Moldes, Luisa Piñeiro e José Enrique Sotelo lle cedan os seus postos a Jacobo Moreira, presidente do PP de Pontevedra, Jorge Canda, alcalde da Lama e José Fervenza, presidente e voceiro do PP de Moaña.
Os novos deputados provinciais serán designados oficialmente este venres, as 09:30 horas na xunta electoral de zona.
Moldes, Piñeiro e Sotelo darán o relevo a María Ramallo, Begoña Estévez, José María Bello Maneiro e Ana Isabel Vázquez Reboredo, que eran, ata o de agora, os deputados cos que contaba o PP na administración provincial polo partido xudicial de Pontevedra.
Coa elección dos deputados por Pontevedra, o PP pecha a designación de todos os representantes provinciais dos sete partidos xudiciais.