Esixen a apertura dun expediente informativo sobre a queima de expedientes urbanísticos
Por Redacción
O grupo municipal do BNG en Marín rexistrou unha moción na que solicita a apertura dun expediente informativo para esclarecer os feitos que rodean a queima de expedientes urbanísticos en dependencias municipais denunciada a semana pasada.
"Ante a negativa da alcaldesa (María Ramallo) a entregar a copia da acta da Policía Local sobre os graves feitos acontecidos durante o traslado das oficinas de Urbanismo e a queima de expedientes, o BNG ven de rexistrar unha moción instando á Alcaldía a que abra un expediente informativo que esclareza de que despachos ou oficinas se retiraron documentos, que documentación e expedientes se retiraron, cales foron os métodos utilizados para desfacerse deles e quen deu a orde de eliminalos", afirma a voceira municipal do BNG, Pilar Blanco.
Segundo Pilar Blanco, a moción tamén insta a que, unha vez esclarecidos os feitos, a Alcaldía informe ao Pleno da Corporación municipal e, se cabe, "da esixencia das oportunas responsabilidades á persoa ou persoas responsábles que se deriven dos feitos".
"Sabemos que o contido da acta policial fai referencia a expedientes concretos que foron destruídos e incluso á súa procedencia, polo que, de non dar explicacións, a alcaldesa estará encubrindo ao, ou aos responsables da queima de expedientes, algo gravísimo que o BNG non vai permitir", afirma Pilar Blanco.
A nacionalista denuncia que "o traslado das oficinas de Urbanismo dende a rúa Méndez Núñez ao faiado do Concello, e deste á primeira planta do edificio consistorial, prolongouse durante varias semanas, e a destrución de expedientes tamén se levou a cabo durante varios días, a alcaldesa ten a obriga de aclarar que documentos se destruíron, porqué e quen deu a orde de facelo, de non ser así convertérase en cómplice duns feitos que constitúen delito".
A moción do BNG rexistrouse o día 3 de xaneiro e o BNG agarda que a alcaldesa proceda a darlle trámite e a aportar toda a documentación pertinente antes de levala a Pleno.