Bueu celebra a Festa do Carme coa tradicional procesión marítima
Por Redacción
Entre o 16 e o 18 de xullo, Bueu celebra a festividade do Carme. Os actos comezarán o xoves 16 con pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Bueu ás 10 horas, seguida de misa ás 12 horas con procesión ata a Lonxa, acompañada pola banda de gaitas Manxadoira e a Banda de Música de Bueu.
Como novidade, este ano a Asociación Cultural das Alfombras do Corpus de Bueu confeccionará un tapiz floral de 60 metros cadrados coa imaxe da virxe que ten a parroquia de Bueu. Esa imaxe será a que se portará despois na procesión e nela colaborarán membros da Comisión de Festas e da Confraría de Pescadores de Bueu, aínda que están abertos á participación de calquera persoa que o desexe.
A alfombra deixarase perfilada na noite do día 15, para proceder ás 6 da mañá do 16 ao seu pintado.
Ás 18 horas, de novo terá lugar na Lonxa unha misa cantada pola Coral Polifónica Maruxía de Bueu, seguida da procesión marítima e o regreso á igrexa. Pola noite, as orquestras Los Players e Principal serán as encargadas de poñer a música e o baile.
O venres 17, haberá un pasarrúas ás 10 horas a cargo da Banda de Música de Vilanova de Arousa, e á noite a verbena estará amenizada por Primera Línea e Cóndor Band.
E xa o sábado culmina a festividade, celebrándose ás 10 horas o derradeiro pasarrúas a cargo de Charanga F.D.A., e pola noite actuarán a orquestra Tango, seguida de fogos de lucería ás 24 horas. Ao remate dos mesmos, actuarán os grupos The Black Trais e Foxy Freire.