O PSdeG-PSOE da Lama esixe a Jorge Canda que se desculpe con Ponte Caldelas pola vertedura ao río Verdugo
Por Oskar Viéitez
O voceiro do grupo socialista no Concello da Lama, Enrique Vaqueiro, acusou de mentir ao alcalde deste municipio, o popular Jorge Canda, polas súas declaracións respecto á vertedura de fecais ao río Verdugo que obrigou a pechar ao baño a praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas.
Por este motivo os socialistas esixen ao rexedor do PP que pida perdón aos medios de comunicación "por mentirlles descaradamente", ás autoridades de Ponte Caldelas e da Xunta de Galicia "por acusarlles de non contar a verdade" e aos veciños da Lama "por prestar o servizo de tratamento de augas residuais en tan pésimas condicións".
Nun escrito feito público polo PSOE, Enrique Vaqueiro explica que ata agora o seu partido se mantivo á marxe e non fixo valoración ningunha sobre este episodio contaminante que suscitou un enfrontamento entre os Concellos da Lama e Ponte Caldelas a raíz da vertedura ao río Verdugo.
Un "penoso escándalo" no que tanto o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE) como os técnicos de Saúde Ambiental da Xunta de Galicia puxeran o foco na depuradora municipal. Nada máis detectarse a vertedura, o pasado venres 19 de xuño, o alcalde da Lama dixo que este non procedía da depuradora instalada no seu municipio asegurando que tiña no seu poder un informe de técnicos municipais que o corroboraba.
Ese mesmo día os socialistas pediron o informe a través do rexistro municipal, pero non foi ata o pleno extraordinario do 23 de xuño cando se lles entregou o devandito documento, no que os "técnicos municipais fixeran unha minuciosa inspección da Estación de Augas Residuais da Lama" comprobando que "a orixe da vertedura na praia da Calzada non era a EDAR deste termo municipal".
Este documento foilles entregado o día do pleno, asinado polo responsable da Brigada Municipal de Obras, José Manuel Amoedo Vilán, e o seu contido coincidía co declarado polo alcalde. Non obstante, os socialistas chamaron a atención sobre o feito de que o informe tivese data do 23 de xuño de 2015.
Por este motivo, o voceiro socialista Enrique Vaqueiro, pregúntase se o alcalde da Lama mandou unha nota á prensa falando dun informe de técnicos municipais "que non existía e que se fixo soamente cando os socialistas o pedimos por escrito a través do Rexistro Municipal. Ou sexa, contou unha mentira, por que non había informe". Os socialistas pregúntanse se Jorge Canda "é un adiviño".
Conclúe Enrique Vaqueiro que o rexedor "mandou unha nota de prensa porque sabía que uns días despois habería un informe municipal que poñería todo o que dixo o venres para xustificar a súa incompetencia no mantemento da depuradora municipal".
Relacionadas:
-
O cárcere da Lama mellorará a súa depuradora para evitar fugas contaminantes
Por Redacción |
-
A análises permiten a reapertura ao baño na praia fluvial da Calzada
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Ponte Caldelas denunciará ao da Lama pola vertedura na praia fluvial procedente da depuradora
Por Redacción |
-
Prohibido o baño na praia fluvial da Calzada ante a turbidez da auga
Por Oskar Viéitez |