Os nenos da escola infantil do campus, vítimas de continuos saqueos na súa horta
Por Oskar Viéitez
Naceu como unha actividade pensada para que os nenos que residen nun ámbito urbano tivesen a oportunidade de ver crecer unhas leitugas ou de plantar coas súas mans uns tomates. Non obstante os alumnos da escola infantil do campus están a aprender outra lección inesperada, o difícil que é o traballo do agricultor ante os contínuos saqueos da súa horta, situada á entrada do centro.
As educadoras desta escola infantil asisten perplexas aos constantes roubos da colleita que os cativos foron plantando durante todo o ano. Leitugas, tomates, fabas ou pementos que son sustraidos con total impunidade polos cidadáns que pasean polo ámbito da Illa das Esculturas.
"Total por unha leituguiña tampouco pasa nada", contestaba unha señora ao ser sorprendida no medio da horta.
A cuestión é que hortaliza tras hortaliza a plantación desaparece e os nenos quedan cun palmo de narices.
As educadoras chegaron a poñer carteis, e os nenos confeccionaron un pequeno "espanta-persoas" para protexer a súa colleita.
Agora ademais de saber que os alimentos nacen na horta e non no supermercado son conscientes do complicado que é traballar no campo.