Volverán as barbacoas ao lago Castiñeiras?
Por Redacción
Dende que a Xunta de Galicia prohibira o uso de barbacoas nos meses de alto risco de incendio, son moitos os que deixaron de ir aos parques forestais que hai na nosa comunidade. É un dos motivos, segundo a recén creada Fundación Lago de Castiñeiras-Cotorredondo, da actual deterioración que sofre todo este ámbito que, no pasado, era punto de encontro de familias e amigos, especialmente durante o verán.
E é posible reverter esta situación? Dende as comunidades de montes de San Xulián e Santomé de Piñeiro (Marín) e Santa Cristina de Cobres e San Martiño (Vilaboa) -integrantes deste organismo que busca recuperar e poñer en valor todo este ámbito natural- cren que si. E así quedou de manifesto durante a primeira edición da Xuntanza Comuneira que, entre todas elas, se celebrou este domingo.
A fundación ten previsto solicitar á Xunta, á que tamén invitaron a integrarse en nela, un permiso para poder acoutar varias zonas dentro do parque para que os visitantes poidan asar comida. Chegaron mesmo a presentar un modelo de barbacoa que reduce ao mínimo o risco de incendios e planean situalas preto dos accesos á auga e entre estradas ou pistas forestais.
Pero antes teñen outros plans entre mans. O seu presidente en funcións, Daniel Rosales, avanzou que está previsto que, a partir do próximo mes de outubro, comecen as tarefas de saneamento e limpeza das 74 hectáreas de espazo natural que ocuparán, no futuro, o xardín botánico e o arboreto incluídos no seu plan director. Trátase duns traballos "fundamentais", asegura, para que non haxa risco de incendios.
A partir de aí, quedará por diante o deseño destes dous proxectos cos que a fundación pretende poñer a primeira pedra para a recuperación de todo este espazo natural. En concreto, o futuro xardín botánico contará con 23 coleccións de plantas de todo o mundo e o arboreto que o rodeará agrupará 20 tipos de árbores de orixe atlántica, asiática, mediterráneo e americano, que se están a aclimatar xa nun recinto privado.
Para coidar todo este ámbito, a fundación prevé contratar un enxeñeiro forestal e catro peóns fixos que traballarían durante todo o ano. A maiores, durante un período de seis meses, poderían incorporarse de ata oito persoas máis para realizar tarefas de mantemento e limpeza para evitar perigo de cara ao verán.
Todo iso para converter o lago de Castiñeiras e o ámbito de Cotorredondo nun potencial turístico non só para a comarca do Morrazo, senón para todas as Rías Baixas. Porque se algo teñen claro os promotores deste proxecto é que, a diferenza doutros parques naturais, case todo o seu ámbito será de acceso libre e poderá ser visitado sen limitacións polos seus usuarios.
Relacionadas:
-
Comezan os traballos de adecentamento de Lago de Castiñeiras sen o apoio das administracións públicas
Por Redacción |
-
As comunidades de montes presentarán un Plan Director para a mellora do Lago de Castiñeiras
Por Oskar Viéitez |
-
A Fundación Lago de Castiñeiras preséntase en sociedade cunha "xuntanza"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación de Pontevedra integrarase na Fundación Lago Castiñeiras
Por Oskar Viéitez |
-
As comunidades de montes proxectan un xardín botánico para reformar o Lago de Castiñeiras
Por Anxo Lourido |
-
Catro comunidades de montes planean a xestión conxunta de Castiñeiras-Cotorredondo
Por Redacción |