Novas Xeracións do PP crea unha escola de formación para afondar no debate ideolóxico
Por Redacción
A agrupación local de Novas Xeracións do PP en Pontevedra porá en marcha este mesmo mes unha iniciativa vinculada co ámbito da formación co fin de afondar no debate ideológico e cultural.
A iniciativa levará o nome de Escola de Formación de NNXX de Pontevedra e a súa creación anunciouna o presidente das mocidades populares no municipio, Arturo Casal, durante un encontro celebrado na sede local do PP para facer balance do ano 2012.
Arturo Casal valorou que "o traballo foi moito e bo" e destacou a labor levada a cabo na campaña das eleccións autonómicas do pasado 21 de outubro, así como a participación no acto de xuventude co presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e a organización de mítins multitudinarios na Praza de Touros e o Teatro Principal.
O encontro contou coa presenza do presidente provincial de Novas Xeracións, Diego Gago; o secretario xeral da agrupación en Galicia, Juan Francisco López Prieto; o voceiro municipal e a Tesoureira do PP, Jacobo Moreira e Lupe Murillo; e os concelleiros María José Rodriguez, María Biempica, César Abal, Pablo Fernández, Rosa Picallo e Miguel Meijón, ademáis do integrante da Xunta Local e actual presidente da Autoridade Portuaria Marín-Pontevedra, José Benito Suárez Costa.
Foi o primeiro acto público e lúdico no que coincidiron concelleiros dos sectores díscolo e oficialista do partido despois da polémica xerada no PP local.
O presidente provincial, Diego Gago, felicitou á organización local "por ser a Xunta Local da provincia que maior número de mozos aportou ao acto no Fontes do Sar co presidente Feijóo, o maior acto político xuvenil celebrado na historia da democracia en Galicia". Asimesmo, tanto o secretario xeral autonómico de NNGG como Jacobo Moreira destacaron o traballo que se ven desenvolvendo en NNGG de Pontevedra dende que o pasado 6 de xullo empezou a traballar a nova xunta xestora.
Todos os asistentes remataron o encontro nunha cafetería da capital na que compartiron un pincho de Reis no que contaron coa presenza do alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, do que Arturo Casal di que é "unha referencia e un exemplo para organización xuvenil do Partido Popular de Pontevedra".