Este venres comeza o amplo programa dunha nova edición do Carneiro ao Espeto de Moraña
Por Redacción
A alcaldesa do Concello de Moraña, María Luisa Piñeiro, presentou este xoves a XLVI edición da Festa do Carneiro ao Espeto, que se inicia este venres 3 cun amplo programa de actividades que terán continuidade ata o 26 de xullo.
O inicio será esta fin de semana co concurso gastronómico "Espétalle un pincho" no que participarán os bares e restaurantes de Moraña con elaboracións de carneiro.
A alcaldesa tamén anunciou que xa se encontra aberto o prazo para inscribirse na reserva de lotes da Festa do Carneiro ao Espeto, o tradicional evento gastronómico que todos os anos se celebra na carballeira de Santa Lucía durante o último domingo do mes de xullo e que este ano coincide co día 26. O prazo de reserva de lotes, que se realiza por rigorosa orde de ingreso bancario, finaliza o venres 17 ás 14.00 horas ou ata que se complete o aforamento limitado. Todos os datos se encontran na web da XLVI Festa Carneiro ou Espeto.
Esta festa declarada de Interese Turístico Galego celébrase dende 1969 e conta con numerosas iniciativas dirixidas a nenos en diversas disciplinas artísticas como o teatro ou a pintura en vidro, segundo explicou na presentación a rexedora. Nesta edición, o deporte contará cunha notable importancia coa celebración dunha carreira pedestre, unha xincana, torneos de baloncesto e tenis, a festa da bicicleta e diversas actividades acuáticas. O 25 de xullo desenvolverase unha feira de artesanía coa participación de diversos artesáns da zona.
O domingo 19 celebrarase o Festival Folclórico na Casa da Cultura organizado polo grupo local de Música e Baile Tradicional Seixebra. As orquestras Costa Oeste e Alkar serán as protagonistas da noite do venres 24 de xullo, a quen lle sucederá a cantante Merche o sábado 25 de xullo, día no que tamén haberá outros concertos: A Idade do Ouro Español, Banda Rock-Pop Emaneaes e Festa Kioto. As orquestras Filadelfia e Limón pecharán a festa o 26 de xullo.