Eliminan dous verquidos que contaminaban a ría a través do Porto de Marín
Por Redacción
Unha inspección rutinaria dos técnicos do Plan de Control de Verquidos (PCV) da Xunta de Galicia evidenciou dous focos de contaminación ás augas da Ría de Pontevedra dende o Porto de Marín, un deles dende unha confraría e outro dende apropia rede de pluviais das instalacións portuarias. Medio Ambiente acaba de eliminalos e unha nova inspección revela ausencia total de contaminación.
Segundo informa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a eliminación destes verquidos foi froito dunha colaboración entre Augas de Galicia e a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.
A primeira visita dos técnicos de PCV ao porto localizou dous puntos de vertido con indicios de contaminación, de modo que se puxo en marcha un plan de actuacións que se iniciou coa detección da orixe da contaminación e continuou coa posterior emenda. Inspeccións e medicións posteriores acreditan que se eliminaron.
Un dos puntos de vertido correspondíase coa saída da fosa séptica que recibía as augas fecais das casetas dunha cofradía. Ante a falta de autorización de vertido deste punto e tras ser requirida dita documentación por parte do PCV en repetidas ocasións, a Autoridade Portuaria procedeu á conexión das augas residuais cara ao colector xeral de saneamento de Marín- Pontevedra, sito no interior das instalacións do porto.
O segundo punto de vertido correspondíase cunha tubaxe da rede de pluviais do porto a través da cal vertían as augas residuais industriais de dúas empresas. Ditas empresas procederon á conexión das ARI cara á rede de saneamento municipal, quedando o punto como saída de augas pluviais.
Durante posteriores inspeccións realizadas polo persoal do PCV, detéctase nesta saída de pluviais presenza de contaminación de orixe microbiolóxica. Tras a inspección de requirimento por parte do PCV, a Autoridade Portuaria verificou a rede e eliminou os aportes de augas residuais aínda existentes.