O Pleno de Barro ratificará o reparto de áreas do goberno bipartito BNG-PSOE
Por Oskar Viéitez
Cun forte apretón de mans o nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes e o socialista José Sanmartín, selaron este mércores o pacto de goberno no concello de Barro.
"Fomentar a participación cidadá", segundo declarou o alcalde, Fernández Abraldes, é o principal obxectivo para un mandato que estará condicionado polo gran endebedamento das arcas municipais.
O reparto das áreas de goberno que será ratificado no primeiro pleno, previsto para o venres ás 21 horas, contempla para o BNG, que ademais da alcaldía Abraldes sexa responsable do resto de áreas de goberno, entre as que están Urbanismo, Persoal e Facenda. O alcalde gozará da única dedicación exclusiva, percibirá 30.000 euros brutos ao ano, uns 1.600 euros ao mes. Roberto Rivas será o segundo tenente alcalde e farase cargo de Cultura, Festas, Patrimonio e Medio Rural; Amelia Cancela, xestionará Benestar Social, Educación e Sanidade, e finalmente Antonio Giráldez farase cargo de Deportes.
En canto ao PSdeG-PSOE, José Sanmartín será o primeiro tenente de alcalde e asume as áreas de Obras e Servizos, mentres que Lía Rodríguez encargarase de Promoción Económica, Emprego e Turismo.
Só haberá soldo para o alcalde. Por asistencia aos plenos os concelleiros cobrarán 100 euros, por comisión de goberno, 50 euros; e por comisión informativa, 30 euros.
O novo goberno local está programando unha rolda de contactos con todas as asociacións culturais e veciñais para poñer en marcha as comisións parroquiais e entre os seus principais obxectivos figuran recuperar a xestión pública do mercadiño e o proxecto da rotonda na PO-550.