A Calzada presume xa da súa Bandeira Azul
Por Redacción
Na Calzada xa ondea, por fin, a Bandeira Azul. Ponte Caldelas presume xa de contar oficialmente co primeiro destes distintivos concedidos a unha praia fluvial de España. Foi izada este mércores polo novo equipo de goberno, encabezado polo alcalde, Andrés Díaz.
O rexedor asegurou que o izado oficial desta bandeira é un "fito histórico" para o municipio e un "logro colectivo" de todos os veciños. Andrés Díaz afirmo que este recoñecemento ven a referendar a "alta concienciación cidadá" que hai no pobo coa defensa dos valores medioambientais que representa o río Verdugo.
Díaz destacou o seu firme compromiso con este galardón ao longo do seu mandato e indicou que co izado desta bandeira azul "tamén simbolizamos o noso compromiso por preservala como sinal inequívoco de respecto polo medio ambiente". Ponte Caldelas ten a firme decisión, dixo, de defender a praia fluvial e o río Verdugo "contra calquera agresión veña de onde veña".
Sanidade, apuntou o alcalde, fará análises aleatorias e por sorpresa das augas do río Verdugo para verificar en todo momento a súa excelencia e idoneidade para o baño, polo que "estaremos moi atentos e vixiantes para que non suceda nada fóra do normal que poida poñer en risco a seguridade de nenos, bañistas e persoas que utilicen a zona de baño da Calzada".
"Haberá tolerancia cero con calquera mínima agresión que poida sufrir a nosa praia e o noso río", concluíu firmemente o alcalde de Ponte Caldelas.
Finalmente, os membros do equipo de goberno departiron cos tres socorristas que comezaron este mércores os seus labores na praia fluvial, organizando un modelo de traballo e horario a través do cal se garantirá a presenza continua de, polo menos, dous vixiantes ao mesmo tempo na zona de baño.
LIMPEZA CONTINUA E MÁIS SEGURIDADE
O goberno municipal tamén inspeccionou os últimos retoques na caseta de socorro habilitada xunto ao quiosco, os xogos de praia e os baños, así como as medidas de seguridade e de advertencia aos bañistas sobre as normas que deben seguir para evitar calquera incidente. Ademais se revisou a instalación de medidores de profundidade en varios lugares da praia para que sirvan de referencia aos bañistas á hora de introducirse na auga.
A aposta pola hixiene na praia de A Calzada terá un tratamento especial no referente aos aseos postos á disposición do público en xeral e situados xunto ao quiosco da praia. O equipo de goberno habilitou un cuadrante de control para que os aseos sexan limpados de luns a venres dúas veces polas tardes e tres nas fins de semana, coa intención de estender tamén aos aseos a boa imaxe e servizo que debe presidir o goce desta praia fluvial por parte dos usuarios.
Relacionadas:
-
Exitosa revisión sorpresa nunha praia da Calzada 'tomada' polos vehículos a pedais
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas supera con éxito unha inspección sorpresa na praia fluvial
Por Redacción |
-
A praia da Calzada estará vixiada por tres socorristas durante todo o verán
Por Redacción |
-
A análises permiten a reapertura ao baño na praia fluvial da Calzada
Por Oskar Viéitez |
-
Prohibido o baño na praia fluvial da Calzada ante a turbidez da auga
Por Oskar Viéitez |