Mosquera acusa a Louzán de deixar a Deputación "arrasada" cun reparto de fondos "caciquil"
Por Alejandro Espiño
Nos últimos tres meses, segundo César Mosquera, saen de Deputación "dous ou tres millóns mensuais" para concellos gobernados polo PP de xeito "acelerado" e sen xustificación algunha. Esta denuncia pública, realizada este mércores, fai pensar ao BNG que o aínda presidente provincial, Rafael Louzán, ten previsto deixar "arrasada" a tesorería da institución, o que provocará que a súa xestión vaia a estar "hipotecada" o que resta de ano.
Mosquera cualificou esta práctica como "francamente escandalosa", xa que asegura que se está producindo un reparto "discrecional e caciquil" dos fondos tanto de libre disposición como dos respectivos servizos e, reiterou, "sen ningún tipo de criterio". O portavoz do BNG afirmou que os propios funcionarios da Deputación "están asustados" pola "deriva" que está tomando a institución, na que se está gastando diñeiro "sen ton nin son".
O deputado nacionalista, que chegou a cifrar este "despilfarro" en ata oito millóns de euros, adiantou que o BNG, de cara as negociacións co PSdeG-PSOE para formar un goberno alternativo ao PP na deputación pontevedresa, está ultimando un paquete de medidas para este novo goberno "que imposibilite que estas prácticas se volvan repetir".
Insiste en que a Deputación debe abandonar o "presidencialismo" e ser máis operativa, eliminando entre outras cuestións as duplicidades de competencias con outras administracións. "É un traballo laborioso", insistiu, pero os nacionalistas entenden que é necesario para cambiar a forma de xestión na institución provincial.
"Aínda non chegou", asegura Mosquera, o momento para que BNG e PSdeG-PSOE negocien os "detalles" do pacto na deputación pontevedresa
En todo caso, César Mosquera reiterou que as negociacións entre BNG e PSdeG-PSOE estableceranse entre as cúpulas de ambas formacións en Santiago, con vistas ao goberno na Coruña e Pontevedra -Lugo parece levar unha dinámica diferente- e que "cando iso estea liquidado" empezarase a negociar os "detalles" do pacto na deputación pontevedresa, pero explicou que "ese momento aínda non chegou".
Mosquera non quixo confirmar se o BNG pensa entrar no goberno provincial que, previsiblemente presidirá a socialista Carmela Silva, pero si asegurou que as posibilidades de que os nacionalistas asuman responsabilidades executivas "aumentarán moitísimo" se o acordo ao que se chegue entre os dous partidos, "atado e asumido" por ambas partes, chega a aprobarse no Pleno provincial.
Só así, reitera o deputado do BNG, daríase unha "garantía de funcionamento claro e obxectivo", onde queden definidos as partidas e proxectos que se van a destinar a cada concello "Pontevedra e Vigo incluídos" ou as normas de reparto das subvencións. Dependendo de todas estas cuestións que "aínda están no aire", a solución para o goberno da Deputación "será unha ou outra", concluíu.
Relacionadas:
-
Mosquera apunta que o pacto de goberno entre BNG e PSOE na Deputación está "moi avanzado"
Por Redacción |
-
PSOE e BNG presentan o seu "acordo programático" para gobernar a Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Louzán di que "a cidade de Pontevedra é moeda de cambio" no pacto PSOE e BNG na Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
O Partido Popular designa a Rafael Louzán deputado por Cambados
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG asegura que o "Tamayazo" de Lugo non afectará ás negociacións na Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Louzán inicia a súa despedida da Deputación "en diferido"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un bolero mexicano para Louzán
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |