Por que aparecen e desaparecen cubos con teas nos monumentos da cidade?
Por Redacción
Por que aparecen e desaparecen cubos con teas nos monumentos da cidade? A escena está a sucederse dende hai varias semanas por toda Pontevedra e este martes deuse a coñecer a resposta. Trátase dunha intervención artística da alumna da facultade de Belas Artes Olga Rodríguez.
A actuación forma parte do seu traballo de fin de grao e tivo como punto de partida a necesidade de dar cor á cidade. Para logralo, enche temporalmente de notas de cor algúns dos monumentos e espazos máis representativos de Pontevedra.
Na mañá deste martes tocoulle ao monumento aos Heroes de Ponte Sampaio. Da súa base saían unha serie de cubos dos que caían tecidos de cores, "simulando chorros de pintura". Trátase dunha acción efémera que esta estudante proxecta levar a cabo noutros puntos da cidade nas próximas xornadas e que en días pasados xa realizou no entorno do edificio de Facenda e a igrexa de San Bartolomé, nos xardíns de Casto Sampedro.
O cruceiro situado ao carón da casa de Valle-Inclán, a ponte do Burgo ou algunhas das esculturas que se atopan no casco urbano son os seguintes emprazamentos aos que Rodríguez proxecta levar a súa proposta, que concluirá o 10 de xullo coa súa presentación do traballo de fin de grao na facultade, xornada na que colgará estes ‘cubos de pintura’ dos balcóns do centro.
Segundo explicou a estudante, "a idea partiu dunha necesidade persoal de ver cor, de non velo todo gris nunha cidade na que hai moito granito", pero quixo facelo "sen danar ningunha das estruturas".