A praia da Calzada estará vixiada por tres socorristas durante todo o verán
Por Redacción
Tres socorristas prestarán os seus servizos durante o verán na praia da Calzada, primeira zona de baño destas características en España galardoada coa Bandeira Azul.
Os socorristas tiveron que superar unha proba teórica e outra práctica de salvamento realizada na propia zona de baño da praia fluvial supervisada por técnicos do Concello que realizaron o exame.
O contrato destes tres socorristas enmárcase dentro do programa de fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración das entidades locais para a contratación de traballadores desempregados, que conta cunha subvención da Consellería de Traballo e Benestar.
Os socorristas percibirán un salario dentro do convenio colectivo de instalacións deportivas e ximnasios da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa duración dependerá da resolución da concesión de subvención por parte da Consellería de Traballo e Benestar.
En principio o alcalde, Andrés Díaz, manifestou que o desexo do equipo de goberno é manter a presenza continuada e por quendas desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto, como obriga ADEAC pola concesión da Bandeira Azul.
Andrés Díaz sinalou que o compromiso do Concello de Ponte Caldelas coa Bandeira Azul e co medio ambiente é unha cuestión "irrenunciable" e manifestou que a dotación de tres socorristas para esta praia é unha "aposta clara pola seguridade e a mellora de instalacións e servizos" que está a impulsar o equipo de goberno na área recreativa da Calzada e toda a súa zona de baño.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas supera con éxito unha inspección sorpresa na praia fluvial
Por Redacción |
-
Sanxenxo renuncia a izar as bandeiras azuis de Bascuas, Pragueira e Lapa
Por Redacción |
-
A Calzada presume xa da súa Bandeira Azul
Por Redacción |
-
A análises permiten a reapertura ao baño na praia fluvial da Calzada
Por Oskar Viéitez |
-
Izado provisional da bandeira azul na praia fluvial da Calzada
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas fai historia conseguindo a primeira bandeira azul para unha praia fluvial
Por Oskar Viéitez |