Os danos do temporal obrigan a reparar "urxentemente" unha vintena de rúas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra reparará, pola vía de urxencia, unha vintena de rúas do centro da cidade que se viron afectadas polos temporais de choiva e vento do pasado mes de decembro. Investiranse 122.500 euros, segundo explicou o concelleiro de Obras e Centro Histórico, Luís Bará, para repoñer "pedras, baldosas e lastros" danados en todas estas zonas e cuxo estado "pode provocar caídas e accidentes".
En concreto, o edil nacionalista detallou as actuacións máis urxentes, entre as que enumerou a contorna do colexio Froébel (rúa da Barca, Alfonso XIII, Concepción Arenal e Herreros), a porta de Trabancas na Ferrería, as inmediaciones da Audiencia Provincial, as rúas Peregrina, Daniel da Sota e a Glorieta de Compostela, a Avenida de Vigo, o perímetro do Centro Histórico ou a zona comercial comprendida entre Benito Corbal, Loureiro Crespo, Sagasta, Cruz Gallástegui e Castelao.
Estas zonas, explicou Bará, atópanse deterioradas polo efecto dos 326 litros por metro cadrado que caeron en Pontevedra en decembro e nelas, recoñeceu, "xa se produciron caídas estes últimos días".
Estas actuacións urxentes únense ás que xa estaban proxectadas polo Concello de Pontevedra para repoñer e mellorar o estado do firme de varias rúas da cidade. De cara á próxima primavera investiranse 362.000 euros neste concepto, dos cales 121.000 euros serán para as rúas do Centro Histórico.
Luís Bará destacou que, en total, no ano 2013, as brigadas municipais efectuarán reparacións que suporán un gasto dun millón de euros, "actuacións moi localizadas pero moi importantes para evitar problemas".