As árbores que tirou o temporal desaparecen da paisaxe urbana
Por Redacción
As árbores de paseos e barrios da cidade que se viron moi danadas cos temporais do mes de decembro, e que na actualidade supoñen un risco para veciños e camiñantes, desaparecerán en cuestión de horas da paisaxe urbana.
Segundo informou a concellaría de Parques e Xardíns, está a realizar labores de tala e poda das árbores. Este venres comezou no paseo do río dos Gafos (pasada a ponte da avenida de Vigo cara Campolongo, á altura da rúa Fernández Ladreda), nunha árbore á que os últimos temporais fixeron que cederan as súas raíces e estivera totalmente apoiada sobre a pasarela de madeira volada nese tramo do paseo. A perigosidade da situación deste exemplar obrigou á súa tala.
Sufrirán a mesma sorte distintos carballos enfermos (algún mesmo seco) situados no paseo da avenida de Bos Aires, antes de chegar á praia fluvial. Os temporais de decembro chegaron a derribar unha destas árbores que obrigou a pechar a avenida durante varias horas.
Parques e Xardíns comprobou que se trata de árbores con mala saúde e con risco de caída, polo que nos vindeiros días procederase a talalas. Tamén se realizou a tala de tres árbores no lugar da Ruibal, xa que se topaban apoidadas sobre o tendido eléctrico co risco que esto supoñía para veciños e viandantes.
Logo dos temporais de decembro, o servizo de Parques e Xardíns realizou distintas inspeccións polos paseos, parques da cidade e do rural para coñecer a situación dos arborados e os posibles riscos de caída. Acordouse actuar polo procedemento de emerxencia nestes casos, dado que moitos destes exemplares non chegarían a aguantar un novo temporal.