Concello e hosteleiros acordan organizar o primeiro "Caldelas Tapas"
Por Redacción
O equipo de Goberno do Concello de Ponte Caldelas, liderado polo seu alcalde, mantivo unha xuntanza no Centro Cultural coa práctica totalidade dos propietarios dos establecementos hostaleiros ubicados no termo municipal para tentar analizar a situación do sector e poñer en marcha iniciativas que axuden a incentivar a actividade económica e promocionar Ponte Caldelas como destino gastronómico.
Así, o alcalde Andrés Díaz, en nome do equipo de Goberno, propúxolles a organización dun "Caldelas Tapas" que tería lugar tódolos venres do mes de agosto ou setembro co fin de fomentar a Ponte Caldelas como destino gastronómico e culinario dos concellos do arredor.
A intención sería de implicar a práctica totalidade dos hostaleiros existentes no termo municipal coa intención de facer unha ruta gastronómica onde sexan protagonistas as creacións culinarias dos establecementos participantes que ofrecerían un pincho coa consumición, a un prezo moi competitivo.
Para favorecer a participación, tanto dos establecementos como do público en xeral, farase unha campaña divulgativa e publicitaria a través de carteis, páxina web e redes sociais, e organizarase un concurso entre as tapas participantes. O xurado será o público quen puntuará e cubrirá unha tarxeta a medida que vaia probando as distintas tapas do concurso.
O público participante nesta iniciativa deberá depositar a súa tarxeta de voto, debidamente selada e cumprimentada, en calquera dos establecementos colaboradores e entrará nun sorteo dun vale de 100 canxeable no comercio local ou unha noite para dúas persoas nunha casa de turismo rural ou hotel do municipio.
O alcalde tamén adiantou que se estaba a pensar en outras iniciativas orixinais e imaxinativas para darlle vida a Ponte Caldelas e que volva a recuperar o fluxo de xente que tivo no pasado aínda que lembrou que esa era unha tarefa de todos, "nós os primeiros, pero tamén tendes que botar unha man, implicarvos e aportar todas aquelas ideas que consideredes oportunas. Non só seran escoitadas senón que faremos todo o posible para que podan realizarse", sinalou Andrés Díaz.
Tamén animou aos hostaleiros a asociarse a COEMPO e formar parte do folleto publicitario que se editará para lograr unha promoción conxunta máis eficiente entre o comercio local e o sector hostaleiro, así como na nova páxina web do Concello que verá a luz na vindeira quincena do mes de xullo.
As propostas foron recollidas con ilusión polos responsables dos establecementos asistentes e quedaron emprazados para unha nova xuntanza, que se convocará de inmediato, para ir madurando e concretando o nivel de implicación de cada un dos establecementos nestas iniciativas aportadas polo equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas.
Relacionadas:
-
Catorce establecementos hostaleiros participan na segunda edición de Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
Arqueoloxía e Rock van da man en Ponte Caldelas, con pincho gratis
Por Oskar Viéitez |
-
Unha decena de hostaleiros compiten no "Caldelas Tapas"
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas explora iniciativas para potenciar o comercio
Por Redacción |