Lores non asiste á inauguración do Museo pola supresión do seu Padroado
Por Alejandro Espiño
Se houbo unha ausencia soada, e ampliamente comentada, na inauguración do sexto edificio do Museo de Pontevedra foi, sen dúbida, a do alcalde de Pontevedra. E non é que non o invitaran. Miguel Fernández Lores recoñeceu que o fixeron "por todos os medios habidos e por haber". Pero a decisión xa estaba tomada. Non acudiría en protesta pola recente supresión do Padroado do Museo.
"Non está o alcacén para gaitas", ironizou Miguel Fernández Lores. Para o rexedor capitalino, a desaparición do Museo de Pontevedra como organismo autónomo foi un "ataque á súa pluralidade". Coa eliminación do seu Padroado "e por tanto da presenza oficial do Concello no Museo", ponse fin, segundo o alcalde, a un organismo que velou polo súa integridade e a súa pluralidade desde o nacemento da institución, alá por 1927.
Explicou que a súa ausencia neste acto debíase a un intento para "facer notar esta falta de transparencia e o intento da Deputación de acaparar unha institución plural e de todos os pontevedreses". Recordou, neste sentido, o "desplante" á súa persoa e aos expatronos do Museo por parte da Deputación de Pontevedra "á que lle pedimos unha xuntanza hai seis meses e non nos recibiron".
En todo caso, Miguel Fernández Lores afirmou que a súa postura "non significa que non consiredemos ao Museo como un activo importante da nosa cidade, que o valoremos e manteñamos a nosa colaboración". Apunta o alcalde que o Museo de Pontevedra "está por encima de cuestión partidarias".
"A reforma urbana foi impulsada polo BNG"
Pero tras enterarse polos xornalistas que Rafael Louzán cualificara a Mariano Rajoy como a persoa que posibilitou a peatonalización e rehabilitación do Centro Histórico de Pontevedra, Miguel Fernández Lores abandonou a súa pose reivindicativa e, entre risas, asegurou que "me encanta que se alegren do noso modelo de cidade". Iso si, non sen reivindicar que foi impulsado polo goberno local "e o BNG maioritariamente".
Fernández Lores recordou que, desde que se impulsou a reforma urbana, desde o Partido Popular "houbo oposición a todo, puxeron paus nas rodas, presentaron recursos xudiciais que os perderon todos e utilizaron organismos como Patrimonio contra as decisións que se estaban tomando e provocando incluso mobilizacións sociais".
Afirma o alcalde que "como xa é inocultable o éxito do modelo urbano, intentan sumarse ao carro". Entende que se trata dunha postura "incongruente e contradictoria" e bromeou, referíndose ao PP que "cando un conta a feira como lle vai nela, e así lles vai". En todo caso, desvelou que "ninguén do Partido Popular felicitounos porque Pontevedra sexa un exemplo en todo o Estado en moitas cousas das que logo eles se lles enche a boca a falar".
"Doe un pouco", ironizou o alcalde quen finalizou asegurando que espera que "algún día nos darán os parabéns".