Pontevedra, a liberdade sexual por bandeira: o arco da vella xa loce no Concello
Facer visible o día do Orgullo Gay en Pontevedra. Con este motivo, na vella Casa Consistorial da Praza de España ondea dende este venres, como ven sendo habitual desde 2007, a bandeira 'arco da vella' que representa a toda a comunidade homosexual.
Ata alí desprazouse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que acompañado de varios dos seus concelleiros e dos voceiros municipais de Partido Popular, Marea e Ciudadanos -só faltou o PSdeG-PSOE-, subiu ao balcón para posar xunto a esta bandeira que presidirá a fachada do emblemático durante as próximas semanas.
"Que un organismo oficial como o Concello recoñeza a existencia de persoas con sexualidades diferentes é algo absolutamente fundamental", destacou Fernández Lores, porque entende que a pesar dos avances sociais e lexislativos que se produciron nos últimos anos "para que sexa normal na sociedade aínda levará tempo", polo que reiterou que "toda a visibilidade que se faga é positiva".
Neste mesmo sentido, o voceiro do PP, Jacobo Moreira, instou a todos os pontevedreses a "respetar la libertad sexual de todo el mundo", para conseguir que entre todos "se sientan cómodos en la sociedad, porque ese es nuestro principio".
Este acto institucional é o punto de partida a toda unha serie de actividades conmemorativas e reivindicativas que se celebrarán na cidade. Tras o éxito que obtivo o pasado ano o Boavila Pride, a comunidade LGTBI (lesbianas, homosexuais, transexuais, bisexuais e intersexuais) de Pontevedra volve apostar por unha programación lúdica e cultural que ten como obxectivo seguir avanzando na normalización social deste colectivo.
Baixo o nome de 'Free Life, o Orgullo Pontevedra 2015 celebrará o seu día grande o próximo 11 de xullo. Será cunha romería urbana que terá lugar dende as doce da mañá no Campiño de Santa María. Nela haberá unha comida popular e sesións de DJ -Certain Music Label Showcase, Rhythm & Soul, Malaguita, Moreno Moreno y JC- durante toda a tarde. A partir das dez da noite, a festa trasladarase ao pub PTV (rúa Dona Tareixa) e, posteriormente, á Sala Karma.
Ademais, a Casa da Luz acollerá o martes 7 de xullo, dende as seis da tarde, un acto contra a transfobia. Nel, nenos e nenas pintarán a bolboreta de Chrysallis, darase lectura ao conto O mono que naceu dun ovo, e se proxectará un documental sobre a transexualidade na infancia que irá acompañada dun coloquio no que colaborará a Asociación de Familias de Menores Transexuais.