Todo preparado para recibir os turistas en Bueu
Por Redacción
A oficina de Turismo de Bueu xa conta cos horarios definitivos de apertura deste verán e, desta forma, ata o 27 de setembro, a oficina situada na sala Domínguez Búa abrirá de luns a xoves de 10.30 a 15.00 e de 17.30 a 20.30 horas, e de venres a domingo, incluídos os festivos, en horario ininterrompido de 10.00 a 21.00 horas. Este servizo de atención será levado a cabo entre a técnica de turismo do Concello e membros da empresa Estela, concesionario do servizo.
Esta mesma empresa poñerá en marcha a Aula de Natureza Cabo Udra entre o 3 de xullo e o 30 de novembro, polo que poderán realizarse visitas os venres de 19.00 a 21.00 horas e os fins de semana e festivos de 11.00 a 20.30 horas.
Tamén están previstas rutas de sendeirismo, que se celebrarán os sábados ata o 19 de setembro, cunha duración estimada de catro horas, e para os que se abrirá a inscrición nas próximas semanas. Completaranse con camiñadas urbanas guiadas todos os luns de 20.30 a 22.30 horas dentro do programa iniciado en 2011: "E ti de quen vés sendo? ". Tamén se coordinarán visitas guiadas ao museo Massó en horario nocturno.