Por que se encala a fachada do Teatro Principal?
Por Redacción
As obras que se acometen durante estes días no Teatro Principal pretenden resolver os problemas de humidades que presentan tanto a cuberta coma as paredes das fachadas que provocaban danos tanto nos muros coma nas paredes interiores.
Durante a mañá deste venres 26, o concelleiro de Obras Urbanas, Luis Bará, visitou as instalacións para sinalan que estes traballos responden ademais da criterios de funcionalidade, ao mantemento dunha estética relacionada coa historia deste inmoble.
O concelleiro sinalou que as paredes interiores se encontraban moi descascadas na zona de oficinas. Coa cubrición da pedra das paredes co morteiro de cal búscase a eliminación das humidades que se filtraban dende a cuberta e ao mesmo tempo devólvese a imaxe orixinal deste edificio que, segundo as fotografías coas que conta o Concello, o Teatro Principal ao igual que a parte que agora ocupan as instalacións do Liceo Casino se encontraban tratadas con cal como sucedía tamén no Palacete das Mendoza ou o edificio do Concello de Pontevedra, todos do século XIX.
Luis Bará apuntou que naqueles tempos se deixaba as pedras de maior calidade limpa e á vista mentres que as de peores condicións se cubrían co cal para protexer as fachadas. O edificio conta con recollida de augas pero que, segundo o arquitecto municipal, non funcionaban correctamente.
As obras continuarán nos próximos días primeiro na fachada principal e despois na parte da rúa Tetuán coa intención de que finalicen en xullo para que o Teatro Principal luza o seu aspecto novo nas festas da Peregrina. O presuposto é de 106.000 euros e tamén se repararán as paredes interiores que se encontran descascadas.