"Onde están todos os que querían protestar ante Rajoy?"
Por Anxo Lourido
Máis de 25 axentes da policía nacional, arredor dunha ducia de municipais e un grupo de policías autonómicos flanqueaban o Sexto edificio do Museo de Pontevedra. Pola rúa Cobián Roffignac un neno preguntaba a súa nai:
- ¿Por qué hay tanta policía, mamá?
- No lo sé, hijo. Algún político vendrá.
O político que viña non era outro que o presidente do Goberno. Mariano Rajoy chegou nun vehículo oficial, escoltado por outros tres automóbiles de cor escura. Circularon pola rúa Santa Clara e se detiveron en Sarmiento. Alí, o presidente baixou para entrar case de inmediato no edificio Sarmiento do Museo. Non houbo saúdos nin sorrisos cara os escasos viandantes que prestaron atención a súa chegada. Enfronte da Igrexa de San Bartolomeu, unha muller de mediana idade portaba unha camisola de protesta polas preferentes. Di que pedíu permiso para estar alí e que a deixaron, "pero ni siquiera he sacado el pito para hacer ruido". Laiase que non haxa máis compañeiros afectados polas preferentes. "Yo lo escuché a las seis de la mañana por la radio, cogí el autobús y me vine para aquí. Soy de Marín" afirma mentres confesa que "tengo tanto odio dentro de mi que ya no sé qué hacer. Perdí el dinero de mi hijo que falleció y nos siguen mintiendo".
Neses momentos, aparece un grupo de dez sindicalistas da CIG cunha pancarta en contra dos recortes e a reforma laboral aplicada polo Goberno. A policía impídelles o paso á altura da fachada de San Bartolomeu. Unha policía comeza a dar ordes. "Es como la teniente O'Neil", di algún dos peóns que, xunto aos sindicalistas, é obrigado a abandonar a zona. A axente reclama identificación aos xornalistas e envía a varios policías para que acompañen ao grupo que protesta encabezado polo secretario comarcal da CIG, Rafael Iglesias. A eles súmase a muller afectada polas preferentes. Todos concéntranse en Cobián Roffignac ante a fachada acristalada do Sexto edificio. Un veciño comenta:
- A las ocho de esta mañana, varios operarios estaban a toda velocidad limpiando los cristales.
Os cánticos de protesta comezan: "Reforma laboral para Rajoy e Cospedal", "menos recoretes e máis emprego" ou "Rajoy, cacique, Galicia vai a pique". Un mozo que pasea por alí berra "chorizos".
En Sarmiento, os coches oficiais xa xiraron para estar preparados para a saída do presidente. Unha señora pregunta:
- ¿Quién está ahí?
- Rajoy, le contestan.
- Buf, marcho que no tengo ganas de verle la cara.
Oito membros de Comisións Obreiras co seu secretario comarcal, José Luis García Pedrosa, súmanse aos que se concentran ante o Sexto Edificio.
"E o das preferentes onde están?" pregunta outro viandante. "E os estudantes? Onde están todos os que tanto querían protestar?". Polos arredores so se observa un mozo da plataforma pontevedresa do 15-M que se achega mentres pasea o can.
Ás 11:15 comezan a saír os invitados ao acto. José Manuel González, xerente do CHOP, recibe berros de "privatizador" e o delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, escoita a súa saída os cánticos de "PP ladróns".
Neses momentos, unha muller co carriño da compra tenta pasar pola parte da beirarrúa valada ante a entrada do Museo. Antonio Millares, policía local e representante sindical de CC.OO., dille os policías nacionais e autonómicos que retiren un pouco os valos para que a muller poida pasar sen ter que baixar á calzada. Empurra cara a atrás un dos valos e un policía autonómico enfróntase a Millares, e dous policías nacionais lle reclaman a documentación e se produce un pequeno enfrontamento dialéctico. De fondo continúan os berros de "menos recortes e máis emprego" e alguén pregunta "pero ¿qué hace tanta policía por aquí?".
E nese momento, Rajoy e o séquito que o acompaña abandonan o Museo nos coches oficiais pasando por diante dos manifestantes. Apenas oíuse algún berro máis de protesta. "Aquí ya está todo el pescado vendido", dixo un sindicalista recollendo a bandeira e, con cara de frío, todos comezaron a marchar.