Ponte Caldelas explora iniciativas para potenciar o comercio
Por Redacción
O novo Goberno local de Ponte Caldelas quere dar un pulo ao comercio da localidade e, para iso, o alcalde, Andrés Díaz, mantivo este xoves unha xuntanza sectorial coa práctica totalidade dos propietarios dos establecementos comerciais. Segundo indica o Concello, os asistentes abarrotaron por completo o salón de actos do Centro Cultural.
O alcalde anunciou a edición, a moi curto prazo de tempo, dun folleto publicitario que incluirá, a modo de centro comercial urbano, as principais ofertas dos establecementos incluídos na iniciativa que conta co respaldo da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (COEMPO).
Asemade, os membros do equipo de goberno anunciaron a inmediata entrada en funcionamento dunha nova páxina web do Concello que terá unha triple función: turística, administrativa e comercial. A nova web do Concello ofrecerá o acceso directo e constante a aos servizos que ofrecen os establecementos comerciais e empresas integrados en COEMPO, cun pequeno espazo individualizado e personalizado para cada negocio.
Segundo informou o Concello nun comunicado, os comerciantes aproveitaron a xuntanza para trasladar ao alcalde a súa preocupación polos efectos da competencia desleal da venda ambulante, os problemas derivados para os negocios da suba do IBI, a necesidade de revisar taxas e impostos sobre vehículos, a aplicación “abusiva” das tarifas do recibo da auga ea necesidade de atopar fórmulas que permitan dispor de máis espazos para estacionar, sobre todo, os meses de verán e os días de feira de todo o ano. O alcalde anuncioulles que se están a estudar solucións.
En canto á reapertura do tanatorio, Díaz informou que falou cos reponsables e hai posibilidades de mediación no conflicto que manteñen dúas empresas propietarias do establecemento. De feito sinalou que espera a visita, nos próximos días, do xerente dunha delas, que ven de Madrid para tratar, entre outras cuestións, esta relacionada co tanatorio.
O alcalde tamén informou de que se está a traballar cun empresario interesado en abrir un novo tanatorio na posibilidade de ver unha ubicación céntrica e axilizar, no caso de ser necesario, os trámites para que poda poñer en marcha esta instalación mortuoria o máis rápidamente posible.