O goberno local dubida da legalidade da consulta popular sobre ENCE
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, mostrou as súas dúbidas sobre a legalidade da consulta popular para decidir o futuro de Ence como formulan os ex socios do PSOE.
"Nós xa o intentamos no ano 95 e logo, cando entramos no goberno vimos se había posibilidade", afirmou Mosquera quen asegurou que "se houbese algunha posibilidade, felices e contentos estariamos", pero recorda que "o Estado non autorizou ningunha dende 1979" e engade que malia ser comúns noutros países de Europa este tipo de prácticas, "a Constitución non vai por aí".
Tamén mostrou o seu escepticismo respecto á pregunta que propoñen os socialistas, que sería "Considera axeitado que no futuro PXOM os terreos que na actualidade ocupa Ence nas marismas de Lourizán teñan a consideración de solo industrial, facilitando así a permanencia da empresa na Ría de Pontevedra? ".
Segundo Mosquera o plan sectorial sobre os terreos que ocupa a fábrica pasteira "invalida xa ese argumento", ao ser a Xunta de Galicia a que asume a competencia nesa zona.
Polo tanto Mosquera cre que os servizos de intervención do Concello informarán negativamente a proposta do PSOE polo que "o pleno non pode aprobar algo que é ilegal", concluíu.
Relacionadas:
-
Un informe municipal avala a legalidade da consulta popular sobre ENCE proposta polo PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández quere que Lores explique as medidas que se adoptarán cando ENCE remate a concesión en 2018
Por Redacción |
-
Os socialistas instan o Concello a iniciar os trámites para unha consulta popular sobre ENCE
Por Redacción |