O PP de Pontevedra establece un "goberno na sombra"
Por Redacción
O grupo do Partido Popular no Concello de Pontevedra fixou este luns as áreas de competencia de cada un dos seus sete concelleiros na corporación municipal.
“Deste xeito establecemos un goberno paralelo, un goberno na sombra que fiscalice as actuacións do Goberno de Lores, e que a súa vez promova iniciativas e faga propostas en positivo para Pontevedra e os pontevedreses”, sinalou o portavoz popular, Jacobo Moreira, “marcámonos como propósito mostrarnos aos veciños da nosa cidade como alternativa de goberno, o que implica tamén traballar arreo por e para Pontevedra”.
Así, o propio Jacobo Moreira asume as competencias das áreas de Urbanismo, Servizos e Rural; Aurora Cañizares ocuparase das áreas de Educación, Cultura, Festas e Normalización Lingüística; Rafael Domínguez centrarase na área de Promoción Económica e tamén da área de Emprego; e María José Rodríguez asume as competencias das áreas de Servizos Sociais, Igualdade, Muller e Protectora Animais.
Pola súa banda, César Abal centrarase nas áreas de Economía e Facenda, Turismo, Xuventude e Mobilidade; Tomás Abeigón ocuparase da área de Deportes, da área de Medio Ambiente e dos Mercados; e José Luis Martín asume as competencias das áreas de Protección Cidadá, Persoal, Réxime Interior e Infraestruturas.
Por último, o grupo municipal do Partido Popular determinou qué concelleiros desenvolverán o seu labor en réxime de dedicación, de acordo ao aprobado no Pleno Municipal o paso día 18, así, o concelleiro César Abal recibirá unha e a outra será dividida entre os concelleiros María José Rodríguez Teso e Tomás Abeigón. E ademais, nomeouse como viceportavoz do grupo municipal a Aurora Cañizares.